O Concello e Airiños do Xunco renderon así homenaxe ao artista e ilustrador recentemente falecido, nun emotivo acto que tivo lugar este pasado sábado na ata o de agora coñecida como Sala das Carboeiras
Cervo, 20 de outubro de 2025. O Concello de Cervo e a asociación Airiños do Xunco celebraron este sábado o acto de inauguración da Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, un emotivo evento co que se rendeu homenaxe ao recoñecido artista e ilustrador recentemente falecido, cuxa traxectoria e legado artístico permanecen intimamente ligados á identidade e á cultura cervense.
A antiga Sala das Carboeiras pasa así a levar o nome de Xosé Vizoso, nun xesto de profundo agradecemento e recoñecemento á súa inmensa contribución á cultura cervense.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez, dos edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, de representantes da asociación Airiños do Xunco, do alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero –terra natal do artista-, así como de numerosos veciños, familiares e amigos que quixeron sumarse a este emotivo tributo do que tamén foron testemuñas moi importantes os seus fillos Dani e Pepe, que recibiron as mostras de cariño e admiración do público nunha tarde cargada de emoción e lembranzas.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou que “con este nomeamento queremos perpetuar a pegada de Xosé Vizoso, unha figura que fixo de Cervo a súa inspiración constante. A súa creatividade, xenerosidade e compromiso coa cultura deixaron unha fonda marca no noso municipio. Esta sala, que agora leva o seu nome, será un espazo vivo onde a arte e o coñecemento seguirán florecendo, mantendo presente o seu espírito”.
A alcaldesa aproveitou tamén para agradecer a complicidade e apoio da familia de Vizoso, así como á asociación Airiños do Xunco, impulsora da iniciativa, e a todas as persoas e entidades que colaboraron para facer posible este recoñecemento. “Cervo amosa así o seu cariño e orgullo por un dos seus grandes referentes culturais e quxo agradecer a todos/as os que se achegaron a compartir este momento de lembranza e celebración da súa vida e obra”.
A velada estivo amenizada polo grupo de Cantareiras Cordenaia, de Airiños do Xunco, que puxo a banda sonora á emoción colectiva nesta xornada tan especial.
O acto serviu ademais para inaugurar a exposición dos carteis da Queimada Popular de Cervo, deseñados por Vizoso ao longo de case medio século. A mostra, organizada por Airiños do Xunco, ofrece un percorrido visual pola evolución da icónica celebración, declarada de Interese Turístico Galego, e pola creatividade do artista que a acompañou durante décadas.
A Sala Cultural Xosé Vizoso, recentemente renovada, preséntase como un espazo multidisciplinar destinado a acoller exposicións, conferencias, proxeccións e diversas actividades artísticas e culturais, consolidándose como un novo punto de encontro para a creación e a inspiración no municipio.






















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



