Ribadeo, 26 de outubro, 2025. Este sábado 25 de outubro, e despois do descanso estival, a Agrupación Cultural Francisco Lanza recuperou a súa tradición viaxeira visitando o mosteiro de Samos, a igrexa de Portomarín e o Pazo de Tor. Os asistentes tiveron ocasión de volver atopar co noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico, “ese que temos tan perto de nós, e que ás veces, por exceso de confianza, imos deixando á marxe. Foi ben bonita a experiencia”.
Gorecido por catro elevados montes, o mosteiro de Samos ten tras de si unha historia moi rica que permite repasar a nosa propia. Atribúese a súa fundación a San Martiño de Dumio, aínda que a primeira mención documentada data do século VII. Ao longo da Idade Media xogou un papel destacado nas peregrinacións xacobeas e no século XII uniuse á reforma cluniacense, consolidando a súa relevancia na orde dos bieitos. Ao longo dos séculos experimentaría obras de ampliación que lle acabarían dando a actual fisionomía. Ten entre os seus muros achegas da arte gótica, renacentista e barroca. Ben o puidemos comprobar visitando as súas dependencias, tanto contemplando o claustro grande, ou do Padre Feixoo, como o claustro pequeno, ou das Nereidas, así como a súa igrexa abacial.
Pero a visita ao mosteiro de Samos tamén nos leva ás nosas letras. A lembranza do Padre Feixoo é clave na nosa historia da lingua e da literatura galegas. Foi un pensador avanzado para a súa época, tanto polo que se refire á reivindicación da lingua galega nos séculos escuros, como na defensa da muller e o repudio do seu maltrato. Tamén nos leva á figura de Ramón Cabanillas, que atopou acubillo espiritual nas súas celas e deixou alí pegada da súa presenza, como puidemos comprobar polos seus corredores e tamén lembra a veciñanza de Samos. Así mesmo, falar do mosteiro de Samos supón lembrar a Francisco Asorey e a súa escultura do Padre Feixoo.
En Portomarín puideron visitar a súa igrexa fortaleza, construída entre os séculos XII e XIII segundo o estilo románico, aínda que tardío. Da Orde de San Xoán de Xerusalén, esta igrexa desempeñou un papel fundamental na defensa da ponte que atravesaba o Miño e tamén no coidado do hospital de peregrinos. De volvermos visitala poderemos facer máis atención aínda nos seus pórticos esculturados, nos que se relatan pasaxes bíblicas. O pórtico da entrada principal evoca os 24 anciáns da apocalipse, o que nos permite referila á escola do mestre Mateo; no da porta norte figura unha anunciación; e na porta sur varios santos, figuras animais e motivos vexetais.
Xa por último, a tarde dedicouse ao Pazo de Tor, na parroquia de San Xoán de Tor, en Monforte. As orixes deste pazo sitúanse na liñaxe dos Garza, desde o século XIV, ata a súa doazón por parte da última herdeira á Deputación de Lugo no ano 1993. Con forma de u, posúe dúas plantas (unha superior, para residencia dos donos do pazo, e outra inferior, para vivendas do servizo) e todo tipo de dependencias necesarias como adega, cortes, carruaxes, cabalarías, etc. Houbo ocasión de facer un repaso á vida da fidalguía galega ao longo de varios séculos. Resultou especialmente rechamante a vaixela de Sargadelos que puideron contemplar no salón comedor.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.


