Burela, 26 de novembro, 2025. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou na mañá do mércores 26 de novembro unha nova edición da súa xornada anual sobre “Obrigación de desembarque e valorización de especies de alto potencial comercializador”, á que asistiron alumnos da Escola Oficial Náutica Pesqueira de Ferrol, dentro da colaboración que mantén o centro co Porto de Burela para promoción do oficio pesqueiro.
Na apertura da xornada, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, participou a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, que destacou o traballo realizado pola OPP Burela a través dos plans de produción e comercialización, que fan posible este tipo de eventos e que contan con axudas económicas da Unión Europea a través do FEMPA e da Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar. Estes plans garanten a trazabilidade e a sustentabilidade do sector, axudando a mellorar a comercialización dos produtos da pesca. Tamén comentou a necesidade de reformular certas normativas como a Obrigación de desembarque.
O xerente de OPP Burela, Sergio López, resumiu os contidos da xornada, que se dividiu en tres bloques temáticos. A primeira parte serviu para analizar as novidades na implementación da OD e o Regulamento de Control coa actualización do marco xurídico europeo e nacional do próximo ano. Neste bloque interviñeron Noelia Cuervo Álvarez, xefa de servizo da área Atlántico da Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas Europeas do MAPA; e Noemí Munguía Corredor, subdirectora adxunta da Subdirección Xeral de Control e Inspección e Loita contra a Pesca Ilegal do MAPA, ponencia con gran interese sobre as novas implementacións de Control a partir do próximo 10 de xaneiro.
Na segunda parte da xornada presentáronse diferentes proxectos técnicos promovidos desde OPP Burela. José Carlos Fernández, do equipo PESCASOST do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, presentou de forma práctica os resultados do proxecto REDIPESCA 2025, no que se analiza a selectividade e impacto nos fondos do CNW mediante a mellora de eficiencia con implementación de portas pelágicas na frota de arrastre de litoral de OPP Burela. Este proxecto analizou os aforros enerxéticos de consumo e do impacto no fondo mariño como consecuencia do cambio realizado na arte de pesca.
A continuación, Julio Valeiras Mota, tamén do IEO, presentou os resultados actualizados do proxecto ISPAMER, que analiza o impacto en fondos mariños e selectividade do palangre semipelágico pedra-bóla dirixido á pescada europea en augas do Atlántico da frota palangreira de OPP Burela. O dato máis significativo obtido tras 2 anos analizados e máis de 1.500 lances de pesca observados é que, por cada millón de anzós, só se producen 2,5 capturas de posibles especies bentónicas que poderían ser consideradas especies mariñas vulnerables (VMEs).
Finalmente, Julio Sánchez, responsable da consultora Imbatia, presentou as conclusións do proxecto de análise e descarbonización realizado nas frotas de OPP Burela ao longo deste ano.
No terceiro e último bloque da xornada realizáronse senllas presentacións de innovación e tecnoloxía sobre o sistema Argos de dixitalización e monitorización para eficiencia enerxética ambiental e aplicacións de intelixencia artificial para a pesca, que correron a cargo de Nicolás Murillo, director de desenvolvemento de produtos de Coterena, e de Carmelo Zabala, director xeral de Nautical, respectivamente.
Como en anos anteriores, a xornada finalizou cunha degustación gastronómica de especies de alto potencial comercializador. Nesta edición seleccionáronse seis especies en representación das diferentes frotas: quenlla, peixe espada, cabra de altura, bertorella, pota e xurelo. As receitas que se puideron degustar nesta edición foron: guiso de pota, empanada de xurelo, cabra frita con crema de chícharos e lagostinos, bertorella á galega, e albóndegas de peixe espada e quenlla.
Estas Xornadas enmárcanse no obxectivo de manter informados aos socios da OPP sobre prácticas de pesca que preveñan, eviten e reduzan as capturas non desexadas, impulsando a súa valorización, ao tempo que fomentan o coñecemento sobre a Obrigación de Desembarque. Están incluídas no plan de produción de OPP Burela e contan con axudas económicas da Unión Europea a través do FEMPA e da Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar.





















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



