Luís Bará afirma que se trata dun auténtico calote tramitado con trampas para facer pasar por biofábrica o que é un exemplo de franquismo industrial
Santiago de Compostela, 3 de decembro, 2025. Pleno. O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, esixiulle ao PP na Xunta que desista do apoio ao proxecto industrial de Altri na Ulloa e rexeite a achega de 250 millóns de euros de fondos europeos a unha industria de enclave “que recibiu trato de favor” e que é prexudicial para o territorio, o medio e os sectores económicos estratéxicos en Galiza.
Bará argumentou a reclamación do BNG afirmando que, cinco anos despois de “ser anunciado a bombo e prato”, Altri converteuse nun “auténtico fiasco e no símbolo dunha política industrial fracasada, errada e antigalega”. Trátase, engadiu, dun auténtico “calote”, un proxecto industrial do pasado que foi tramitado con “trampas, enganos e escurantismo” para facer pasar por biofábrica o que é un “claro exemplo de franquismo industrial en pleno século XXI”. “A estas alturas, o gran proxecto industrial do PP, o proxecto estrela de Feijóo e Rueda, está estrelado”, expresou.
Denunciou que, a día de hoxe, o PP aínda oculta os pactos secretos con Altri, asinados no “famoso memorando de entendemento” do 1 de outubro de 2021 ao negarse a entregalos ao Parlamento. “Por iso tivemos que ir aos xulgados para reclamalos. Cando ocultan é que temen que se saiba”, advertiu, para criticar o trato de favor con Altri, “con cambios lexislativos feitos a medida”.
O BNG reclámalle o Executivo de Rueda que rexeite a achega de 250 millóns de euros de fondos europeos a unha empresa de enclave e prexudicial para o territorio, o medio e os sectores económicos estratéxicos da economía galega. “Deixen de mendigar por Bruxelas e por Madrid eses 250 millóns de euros a fondo perdido, medio millón por cada posto de traballo que dicían que ían crear”, apuntou o deputado nacionalista.
Altri, contra as cordas
Luís Bará asegurou que estamos nun momento decisivo, no que o proxecto de Altri se encontra agora mesmo “contra as cordas”, sen garantía de conexión eléctrica á rede, sen financiamento millonario de fondos europeos e sen axudas do Fondo de Innovación da UE. Porén, matizou que “está tocado pero aínda está vivo”, ao seguir pendente a concesión de augas, a autorización ambiental integrada e a aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).
É por iso que a iniciativa do BNG tamén pedía desestimar e arquivar a solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial por parte de Altri (Greenfiber).
Bará recordoulle ao PP que en tres anos foron incapaces de aprobar o proxecto, mérito que atribuiu, non ao BNG nin dos que queren poñerse esa medalla, senón do pobo organizado, desde a Ulloa ata a Arousa, do pobo galego consciente, digno e comprometido que defende a terra e o País fronte ao abuso e a imposición do PP”, recalcou, referíndose ás multitudinarias manifestacións en contra do proxecto en Palas, Santiago e na Pobra do Caramiñal. Animou neste punto á sociedade galega a volver manifestarse contra a ameaza da macrocelulosa e en defensa do territorio o vindeiro 14 de decembro en Compostela. “É o elemento clave de que o proxecto estea onde está tras catro anos”, remarcou.
Impacto ambiental, patrimonial e económico
O portavoz de Medio Ambiente volveu denunciar o impacto que suporía implantar unha bomba ambiental no corazón de Galiza, non só ambiental ou patrimonial, tamén nos sectores económicos estratéxicos, o agrogandeiro das comarcas veciñas da Ulloa e do Deza, afectando á súa produción alimentaria de calidade e en ecolóxico. Tamén sería prexudicial para a cadea de valor monte industria polo que supón de aposta pola eucaliptización, “pseudomoratoria mediante”, ironizou.
Por último, Bará subliñou as repercusións negativas no desenvolvemento turístico da zona da Ulloa-Arzúa-Melide arredor do Camiño de Santiago e na actividade produtiva da ría de Arousa, onde a xeración de emprego “é 50 veces máis que o proxecto contaminante de Altri”, apuntou, lembrando que todos estes motivos foron os que xeraron o enorme rexeitamento a este “proxecto aberrante”.
Por iso, o BNG reclámalle á Xunta de Rueda un plan plurianual de investimentos nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide, Ulloa e Deza, na contorna do río Ulla e na ría de Arousa destinado ao apoio ao desenvolvemento e vertebración de sectores económicos estratéxicos e á protección, recuperación e rexeneración do río Ulla e dos seus afluentes, así como do encoro de Portodemouros e tamén da ría de Arousa. Propostas que foron rexeitadas cos votos en contra do Partido Popular.
“Estamos contra Altri porque estamos a favor de Galiza”, rematou.



























Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



