A Mariña, 19 de decembro de 2025. A asociación ecoloxista ADEGA pon en marcha unha nova campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o polígono eólico As Louseiras, proxectado pola empresa Greenalia nos concellos lucenses da Pastoriza e Meira, na comarca da Terra Chá e Meira. O proxecto contempla a instalación de 3 aeroxeradores de ata 200 metros de altura nunha contorna ambientalmente sensible, con graves impactos sobre a biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural.
En concreto, ADEGA procura fondos solidarios para afrontar os custos técnicos e xurídicos do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, contra a autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, co obxectivo de evitar a súa implantación.
Un proxecto nunha zona de sensibilidade ambiental máxima
O parque eólico As Louseiras localízase maioritariamente dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, concretamente na súa zona tampón, e ocupa unha área cualificada polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica como de “sensibilidade ambiental máxima” e de exclusión para a implantación de parques eólicos. Ademais, o polígono sitúase a pouca distancia dunha área proposta pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000, e tamén a menos de 5 km da Área prioritaria para a conservación da avifauna ameazada da Terra Chá.
ADEGA advirte tamén dunha posible fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, xa que As Louseiras comparte poligonal e infraestruturas cos parques eólicos Monzón e Ventisca (os dous en tramitación), e Carballal (autorizado e recorrido por ADEGA), todos eles promovidos por Greenalia e deseñados para fornecer enerxía á planta de Alcoa na Mariña. Esta división dos proxectos, alerta a organización, podería constituír unha fraude de lei, ao minimizar artificialmente os impactos avaliados no procedemento ambiental, xa que non se consideran os efectos sinérxicos e acumulativos do conxunto das instalacións, que ademais evacúan pola mesma liña eléctrica.
Risco para a avifauna ameazada e para o patrimonio
Ao tempo, o proxecto eólico As Louseiras presenta unha afección directa sobre especies protexidas e ameazadas, como o millafre real (Milvus milvus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), todas elas con presenza constatada na contorna inmediata do proxecto. No caso do millafre real, especie catalogada en perigo de extinción, existe un durmidoiro situado a menos de 3,5 km dos aeroxeradores proxectados e a menos de 400 metros da liña de evacuación compartida cos parques de Monzón e Ventisca. Tendo en conta que as áreas de campeo e forraxeo desta especie poden acadar unha media de 12,5 km arredor dos seus durmidoiros, a localización do parque supón un elevado risco de colisión e perturbación para estas aves, que non foi adecuadamente avaliado no estudo de impacto ambiental.
A nivel paisaxístico e cultural, o parque eólico As Louseiras provocaría alteracións en espazos de grande valor natural e cultural. O proxecto afecta as Áreas de Especial Interese Paisaxístico do Pedregal de Irimia e de Fonmiñá, así como o miradoiro do Pico do Forno de Martín, un dos puntos máis emblemáticos da Serra de Meira.
Tamén se verían alterados o Itinerario de Interese Paisaxístico Serra de Meira, o sendeiro Augas de Fonmiñá, o Castro de Saá e o trazado histórico da Vía Rexia, unha vía de peregrinación documentada que conecta Vegadeo con Lugo e enlaza co Camiño Primitivo. A acumulación de grandes infraestruturas industriais nun espazo de alto valor natural e cultural suporía, segundo ADEGA, unha perda irreversible da súa integridade paisaxística e patrimonial.
Chamada á solidariedade
ADEGA fai un chamamento á cidadanía a apoiar a campaña #TiPodesParalos para evitar a construción deste parque eólico na Terra Chá, e lembra que as doazóns desgravan en Facenda ata un 80%. A primeira fase da recadación terá unha duración dun mes desde este venres, 19 de decembro, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.600 euros, que serán destinados a presentar recurso de alzada e elaborar o informe técnico ambiental. Xa nunha segunda fase, de 2 meses de duración, ADEGA procurará reunir o importe restante, 3.700 euros, para interpoñer recurso contencioso-administrativo e solicitar a paralización cautelar.
Ata o de agora, a campaña de doazóns #TiPodesParalos permitiu á organización recorrer nos tribunais unha trintena de proxectos eólicos en todo o territorio galego, a meirande parte freados cautelarmente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. O proxecto As Louseiras tamén estamos a tempo de paralo.






















A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.



