Ribadeo, 27 de decembro de 2025.. Acisa Ribadeo fai un balance moi positivo do 2025, cualificándoo como un ano de récords. Neste exercicio que remata, o colectivo empresarial organizou ou impulsou máis de 60 actividades e iniciativas de diversa índole, colaborou en preto de 15 eventos doutras entidades, roza as 170 empresas asociadas e pecha as contas cun orzamento próximo aos 230.000 euros, superando todos os rexistros dos últimos dez anos. O obxectivo para 2026 é seguir medrando en número de socios e socias.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou: “son cifras de vertixe as que manexamos neste ano que despedimos. Traballaremos no 2026 para seguir mantendo o ritmo, aínda que non será tarefa fácil. Empeño, ganas e horas imos poñer enriba da mesa unha vez máis para atender as demandas das nosas asociadas e asociados e para seguir a dinamizar o tecido empresarial e a economía ribadense”.
O xerente e responsable da xestión de Acisa, Jesús Pérez Prada, explicou que “neste ano levamos a cabo máis de 60 actividades e accións de diferente índole, unha cifra récord; repartimos un gran número de materiais, preto de 120.000 unidades, outro récord; e tamén acadamos un récord en premios, con máis de 100.000 premios repartidos e 4.000 regalos promocionais, aos que se puido optar a través das preto de 700.000 rifas, rascas e similares editadas e repartidas ao longo do ano entre a clientela do comercio e da hostalaría asociada. Ademais, colaboramos con 14 entidades ou eventos deportivos, culturais ou festivais, seguimos a coorganizar actividades xunto ao Concello e impartimos ou ofrecemos máis de 10 liñas formativas diferentes, outra cifra récord. Pechamos o 2025 con preto de 170 socios e socias, mantendo un número moi relevante de asociados que representan máis de 600 postos de traballo na nosa vila”.
Cruzado Iglesias dixo que “estamos moi satisfeitos co traballo realizado este ano. Puidemos asentar campañas importantes como as xornadas de exaltación gastronómica, os sorteos de Nadal, o Rasca e Gaña, etc. Fixemos medrar a liña de traballo dos cursos e charlas cunha ampla oferta durante este 2025, e melloramos outras citas como os sorteos do Día do Pai, Día da Nai, San Valentín, ou o Ribadeo Indiano, no que ampliamos case ao dobre a nosa implicación económica. Tamén seguimos a colaborar co Concello de Ribadeo en campañas como as Panchas, o Ribadeo Indiano e o Nadal; coa Xunta de Galicia no Bono Activa; coa Federación de Comercio nas súas campañas, como os Días Azuis… No tocante aos materiais, puidemos repetir cos vasos de plástico, vasos térmicos, envases e bolsas de comida para levar, bolsas para botellas de viño, bolsas para o comercio, mapas turísticos e materiais de rebaixas, e este ano incluímos como novidade o papel e as etiquetas de regalo, manteis para hostalaría e as bolsas inclusivas”.
Pérez Prada lembrou que “cómpre mencionar de xeito especial neste ano o premio de Comercio Excepcional que Acisa recibiu da Xunta de Galicia, dotado con 50.000 euros, co que puidemos desenvolver a campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo. Nesta campaña levamos a cabo as maiores novidades do ano: o sorteo dunha viaxe en agosto, tres xoves abertos, dous mercados de rúa e dous domingueos de verán, a ruleta da sorte, a semana multiaventura, a renovación da sinalización comercial e moitas outras pequenas actividades que a complementaron. Sen esquecer que fomos finalistas nos Premios do Comercio Galego, precisamente con esta actividade”.
O xerente de Acisa seguiu a relatar que “se falamos de cifras, este ano 2025 manexamos un orzamento que no peche de contas roldará os 230.000 euros, sendo case o dobre que o do ano pasado, e que estimamos que puido xerar varios millóns de euros en movemento económico ao longo de todo o ano. Máis de 125.000 euros destináronse a campañas propias de Acisa e servizos directos aos socios, o dobre que o ano anterior; máis de 25.000 euros a materiais gratuítos para os asociados; repartíronse máis de 7.000 euros en vales de compra, así como tres grandes premios en forma de viaxes valorados en preto de 6.000 euros; e destináronse máis de 8.000 euros a colaboracións con outras entidades. Outro dato récord foi o dos ingresos por patrocinios privados, que neste 2025 acadaron unha cifra histórica próxima aos 25.000 euros, aos que hai que sumar preto de 150.000 euros en colaboracións directas das administracións, 30.000 euros en colaboracións indirectas que sufragaron gastos de Acisa, ademais das cotas dos socios. Isto demostra que somos un referente para estas entidades e que o noso traballo, a nosa asociación e as actividades que organizamos son un bo escaparate para firmas privadas e administracións públicas”.
Pérez Prada subliña tamén que “no tocante á nosa repercusión e imaxe, este ano xeramos arredor de 1.500 publicacións en prensa. O noso perfil de Facebook segue medrando, con máis de 6.500 seguidores e mais dun millón de visualizacións ao ano, con publicacións que chegan ás mais de 200.000 reproducións e a nosa web conta con máis de 50.000 visitas anuais, servindo todas estas plataformas como soportes de publicidade e promoción dos nosos asociados e asociadas”.
Carmen Cruzado Iglesias tivo palabras de agradecemento para a iniciativa privada e as administracións públicas: “agradecemos a grande axuda das empresas privadas que estiveron con nós este ano, así como ás firmas asociadas que estiveron ao noso carón noutras campañas doando premios, algo que tamén é de agradecer e de destacar neste peche de ano. Ademais, quero agradecer en nome de Acisa Ribadeo e dos nosos socios e socias a súa confianza no traballo que realizamos. Queremos tamén dar as grazas ás administracións local, provincial e autonómica por seguir colaborando con nós ao longo do ano, atendendo ás nosas necesidades e peticións. Falamos do Concello de Ribadeo, da Deputación de Lugo —concretamente das Áreas de Medio Rural e Cultura— e da Xunta de Galicia. Todo suma e sen todas estas axudas toda a programación de actividades realizada desde Acisa non sería posible”.
O xerente de Acisa manifestou: “Ribadeo segue sendo un referente comarcal tanto en Galicia como en Asturias no comercio, na hostalaría e no turismo, e tamén a nivel nacional. Somos o mellor lugar para mercar, para saborear a exquisita oferta gastronómica da nosa hostalaría e somos o centro comercial coas mellores vistas. Poucos lugares poden ofrecer tanto como Ribadeo. Desde Acisa seguiremos a traballar nos nosos obxectivos, que son facer medrar Ribadeo e os seus negocios, axudando a manter os postos de traballo que xeran os nosos asociados e asociadas, e queremos que a nosa asociación siga en auxe para poder organizar moitas máis actividades. Un dos principais obxectivos para 2026 é seguir medrando en número de negocios asociados”.
A presidenta de Acisa engadiu: “queremos que máis empresas se sumen a Acisa Ribadeo. A organización de actividades, a entrega de materiais gratuítos, o asesoramento e a colaboración avalan o traballo que estamos a realizar. Nesa liña imos seguir, cunha programación de accións que redunden na dinamización do noso tecido empresarial e de Ribadeo. Insistimos en que cantas máis empresas sexamos en Acisa, mellor será para todo o empresariado ribadense, porque poderemos facer máis forza diante das administracións para conseguir subvencións destinadas á dinamización do comercio, da hostalaría e dos servizos en Ribadeo. Todo isto redundará na economía local. Os pobos teñen vida grazas ás súas tendas, aos seus bares e restaurantes, aos seus autónomos e empresas, e Ribadeo segue sendo un lugar elixido para emprender e para desenvolver proxectos de vida, algo moi importante”.
Presidenta e xerente rematan sinalando que “aproveitamos a ocasión para desexarlle á veciñanza de Ribadeo e ás persoas visitantes un feliz e próspero 2026, animámolas a seguir apostando por esta vila, polo seu comercio, pola súa hostalaría, polos seus servizos e por Ribadeo como destino turístico”.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



