No ano 2000 os gobernos do o PP no Estado e na Xunta, decidiron que a Autovía do Cantábrico ao chegar a Galiza (a A-8), deixase de ir precisamente polo Cantábrico e, fose polo Fiouco, ese “gran acerto” no traxecto, polo que a Autovía do Cantábrico desviouse por Vilalba que, como todo o mundo sabe, é unha vila mariñeira e, xa que logo, cantábrica; e de Vilalba a Baamonde para enlazar coa A6 e tamén coa AP-9 e, como última etapa, chegar a Compostela.
Nese momento, xuño do ano 2000, o Delegado do Goberno, por suposto do PP, explicounos que o desvío por Vilalba era o mellor (está na hemeroteca), aínda máis, considerou que unha vía rápida entre Barreiros e Ferrol era a mellor opción para Galiza, e xa postos a dicir estupideces, tamén dixo que a autovía pola costa non ía cubrir as necesidades da Mariña. E todo este disparate foi aplaudido polas alcaldías do PP, entre elas a de Viveiro. A resposta social foi manifestacións en Ferrol, Ortigueira e Viveiro, mesmo no caso de Viveiro, con asembleas de cargos públicos das dúas comarcas, a Mariña e Ferrolterra, no propio Viveiro onde non asistiu o seu alcalde. Iso foi hai 25 anos.
Mais as protestas sociais sempre obrigan, queiran ou non, a unha resposta das administracións, aínda que logo as respostas sexan mentira; de feito, no ano 2003, e sendo Conselleiro de Política Territorial o señor Núñez Feixóo, anunciou, xunto do alcalde do PP de Viveiro, que a variante de Viveiro sería o primeiro tramo a vía rápida Barreiros-Ferrol, pasaron 22 anos dese anuncio.
Chegou o Bipartito ao goberno da Xunta no ano 2005, estivo até o ano 2009, neses catro anos licitou os dous únicos tramos do que no ano 2000 o PP anunciara como o corredor da costa (VAC), foron a circunvalación de Ortigueira e o tramo Viveiro-Xove, os únicos que aínda hoxe existen.
Coa volta do PP á Xunta, tivemos novos anuncios, tamén recollidos na hemeroteca; a finais do 2009, o Conselleiro de Política Territorial comprometeuse a que o corredor da costa ía estar rematado, na súa totalidade, no 2017. O mesmo anuncio fixo formalmente o presidente da Xunta, Núñez Feixóo, en sede parlamentar no 2011.
Mais pasaron os anos, moitos xa dende o ano 2000 e no conxunto da Mariña-Ortegal pouco mudaron as infraestruturas. A verdade é que o PP non precisou nunca de facer un esforzo nestas comarcas, ten votos dabondo e, por iso, para que facer investimentos; aínda máis, no caso de Viveiro, se non chegan os votos hai unha moción de censura, mesmo apoiada polos que, supostamente, representaban outras políticas.
O das infraestruturas na Mariña non é un caso único, poderíamos falar da Área Sanitaria roubada ou do deserto industrial, semella que é un territorio só para o turismo e o que queda da pesca.
Estes días o presidente da Xunta vén de anunciar unha alternativa nova para Viveiro, unha estrada convencional entre Celeiro e Magazos, precisamente ao pé do Monte San Roque; xa nin autovía, nin VAC, só unha estrada convencional, a empezar no 2028, sen data de remate e sen ningún anuncio novo sobre unha alternativa para Covas; van sobrados, pouco a pouco, ano a ano, van minguando as súas propias promesas, poderían rematar anunciando unha corredoira, tanto ten, a súa política é deteriorar tanto as expectativas que, ao final, calquera cousa que fagan é positiva, dito popularmente, mellor isto que nada, así nos vai; vaia desastre.
Poucos días despois de anunciar esta nova corredoira en Viveiro, o mesmo presidente da Xunta, o señor Rueda, informounos de que a última fase das obras da autovía Lugo-Sarria comezarían este verán, que felicidade para os desa comarca; igual que os das comarcas de Celanova, Salnés, Morrazo, Noia, As Pontes, etc., que, nestes últimos 25 anos, viron mellorar as súas infraestruturas.
Dende o ano 2000 pasaron 25 anos, eu son 25 anos máis vello (e o resto do persoal tamén), logo do último anuncio do actual Presidente da Xunta, xa dou por feito que no meu ciclo vital (biolóxico) non vou ver nunca unha circunvalación completa de Viveiro nin nada que se asemelle a unha Vía de Alta Capacidade na Mariña-Ortegal, o dunha Autovía xa o deixo para futuros séculos, pois no XXI e se seguimos con gobernos do PP é unha misión imposíbel.
Son circunstancias da vida, mais o malo é que só temos unha vida e o tempo váisenos entre promesas e incumprimentos e, por se fose pouco, continúan facendo novas promesas cando o noso ciclo biolóxico vai rematando. Porca miseria.
Xa asumo que, pola miña idade, non vou ver nin unha circunvalación de Viveiro nin ningunha autovía na Mariña-Ortegal, só agardo que a xente moza que aínda queda nestas comarcas teña unha maior capacidade crítica e comprenda que os votos serven para cambiar estas desastrosas políticas.
Contan as crónicas que cando Rueda anunciou en Viveiro esta nova corredoira, que tampouco temos ningunha garantía de que vaia cumprir, foi moi aplaudido, en fin.
Fernando Branco Parga
Veciño de Viveiro (Cantarrana)


















Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
Ao acto están convidadas a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias, Mª Begoña López Fernández; o director xeral do Medio Natural, David Villar García; así como as alcaldías dos 14 municipios que forman parte da Reserva, entre outras autoridades.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.



