Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales ou Escocia presentan un comportamento electoral ben diferente ao de moitos países veciños ou ao das capitais dos seus propios estados. Nestes países, até de agora (e con certas e, de seguro, moi transitorias correccións no caso catalán) o nacionalismo democrático e inclusivo ten xogado un rol fulcral para evitar o suceso das extremas dereitas. En moitos países, a extrema dereita medra apropiándose do concepto de “nación“, “patria” e “identidade” fronte a un mundo globalizado. Porén, na Galicia, Euskadi ou Escocia, a identidade nacional xa está ocupada por partidos que teñen unha visión integradora e progresista. Velaí que, cando un cidadán quere defender a súa identidade ou o seu territorio ten opcións políticas de seu (como o BNG, o PNV, Bildu, JuntsxCat, ERC, SNP escocés ou Plaid Cymru galés ) que desenvolven esa función desde unha óptica inclusiva e democrática.
A extrema dereita adoita sinalar como “inimigo” ao inmigrante ou ás minorías. No soberanismo destas nacións, o “outro” ou a “ameaza” non adoita ser o de fóra, senón o centralismo do Estado. O foco ponse na reclamación de máis autogoberno, na defensa da lingua e da cultura propias. Tamén, agás en Euskadi, dun financiamento acaído para mellorar os servizos públicos locais que garantan o benestar común dunha cidadanía á que non se lle pregunta onde naceu.
Isto despraza o discurso do odio cara un discurso de reivindicación de dereitos políticos e sociais. Por outra banda, Galicia ten e estas nacións adoitan ter unha cultura política moi ligada ao territorio e á proximidade. En Gales e Escocia cadanseu nacionalismo ten raíces moi fortes nas comunidades mineiras e industriais, o que crea unha barreira contra o populismo extremista de Nigel Farage (onte á fronte do antieuropeo UKIP e arestora á fronte do Reform UK). Na Galicia, Cataluña e Euskadi existe(aínda que no noso caso haxa quen non o acredite) unha mesta rede de asociacións culturais, veciñais, sociais e sindicais moi activa. Onde hai unha comunidade forte e organizada, é máis difícil que sexan hexemónicas as mensaxes individualistas e autoritarias.
Por outra banda, a afirmación da lingua de noso actúa como un elemento de integración social que define a nación pola súa cultura e non por unha “raza” ou unha exclusión. Ser galego, catalán ou vasco adoita entenderse como “vivir e participar” nesa cultura, o que é un concepto máis aberto que o que propón a extrema dereita británica pro inglesa, francesa ou española esencialmente vencelladas ao nativismo supremacista. Fronte a este supremacismo, o galeguismo democrático (hoxendía hexemonizado polo BNG) é transversal e inclusivo: somos galeg@s @s que traballamos e vivimos na Galicia.
As políticas ambientais, de defensa do territorio e de xestión dos recursos naturais que propoñen estes soberanismos democráticos e inclusivos (dende logo arestora o BNG na Galicia) entenden que as autonomías alimentaria e enerxética son esenciais, abeirando ás comunidades locais agrarias, gandeiras, pesqueiras e marisqueiras fronte ás solucións de trazo groso do ecoloxismo globalista, entre elas os macroparques eólicos promovidos por empresas foráneas para producir enerxía que se consumirá fóra do noso País sen que tiremos beneficio ningún dos seus custos ambientais, paisaxísticos e económicos. O que tamén pecha de vez o camiño á demagoxía pseudoruralista de Vox, Reform UK ou Front Nationale.
Nos primeiros meses de 2026 ollaremos un grande progreso de Vox nas eleccións andaluzas, aragonesas e castelán-leonesas. Mais tamén ollaremos como o SNP escocés e o Plaid Cymru galés impedirán o bo suceso do Reform UK de Farage. Teñan por certo que o que vai suceder naquelas nacións británicas axustarase moito máis ao que vai pasar na Galicia nos vindeiros tempos.
























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



