Hoxe, a secretaria xeral Paula Prado ofreceu declaracións aos medios antes de reunirse con Elena Candia e outros representantes provinciais
Lugo, 13 de xaneiro de 2026. O PPdeG lamenta que PSOE e BNG vaian consumir mañá o “pacto guarro” cun presunto agresor sexual, José Tomé, cuxo voto é necesario para que a esquerda se manteña no goberno da Deputación de Lugo trala dimisión forzada de Tomé por varias acusacións de acoso sexual.
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, amosou hoxe en Lugo o seu rexeitamento a este “branqueo” dun comportamento “indigno” e que vai supor “escribir unha das páxinas máis negras da historia de Lugo coa complicidade de Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón”. Por outra banda, amosou o apoio do PP as vítimas do político socialista.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, fixeron declaracións aos medios na sede dos populares lucenses, onde mantiveron unha reunión na que participaron diferentes representantes, entre eles o portavoz na Deputación, Antonio Ameijide.
A número dous dos populares galegos cualificou de “hipocrisía” o comportamento do PSOE e do BNG, que primeiramente esixiron a José Tomé que deixara de ser tanto deputado provincial como alcalde de Monforte, dúas dimisións que semanas despois seguen sen consumarse. Porén, “despois de pedir o seu cese, mañá consuman ese pacto guarro”.
Neste sentido, criticou a postura do BNG, a quen define como “cómplice” de que mañá na Deputación de Lugo se elixa a unha presidenta co apoio dun presunto acosador sexual. Paula Prado pregúntase con que cara van mirar ás mulleres cando vicepresidan a Deputación co voto de José Tomé e formando goberno coa persoa que encubriu ese presunto acoso, en referencia a Pilar García Porto.
“Estamos ante dous partidos que non respectan os dereitos das mulleres e séntanse con Tomé, vendendo os dereitos das mulleres por medio millón de euros. Ese é o prezo da dignidade das mulleres”, sinalou a número dous dos populares galegos.
Do mesmo xeito, amosouse moi crítica co “aval” de Besteiro e Pontón a ese pacto guarro. “Son cómplices e autorizan esta operación, pola que mañá unha muller vai ser presidenta da Deputación de Lugo co voto dun agresor sexual”, puntualizou sobre os líderes de PSdeG e BNG.
“ONDE ESTÁ O FEMINISMO DA CIG?”
Tamén foi crítica con determinado sector do feminismo galego, preguntándose cantas organizacións se manifestarán mañá diante das portas da Deputación de Lugo. “Vai estar a Marcha Mundial das Mulleres? Vai estar a CIG? Mañá veremos a realidade do feminismo desas mulleres que se manifestan ras rúas pedindo que os agresores sexuais saian das institucións”, manifestou a secretaria xeral do PPdeG ante os medios.
ELENA CANDIA: “OS LUCENSES TEÑEN QUE SABER QUE OS PRINCIPIOS DO BNG VALEN 500.000 EUROS”
Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, analizou o “comportamento moi criticable e indigno dende a nosa humildade opinión” de PSOE e BNG no caso Tomé e no procedemento para a elección da nova presidenta da institución provincial. “Os lucenses teñen que coñecer quen está ao fronte destes dous partidos políticos e o que valen os seus principios. No caso do BNG, 500.000 euros”.
Candia asegura que o PSOE perpetúa a presentación dunha candidata para a que precisa o voto do ex presidente, a quen o secretario xeral do PSdeG lle pediu a acta e lle pediu a súa dimisión.
A presidenta provincial lembra que o PSOE xa non fala de presunto: “Non imos poñer nós en dúbida se o propio PSOE tivo a contundencia de pedirlle a dimisión. Pero o PSOE ten a compracencia de ampararse no seu voto, que é necesario para a elección da que, como todo parece indicar, será a próxima presidenta da Deputación de Lugo”. E, ademais, ten que apoiarse noutra persoa que foi “absolutamente coñecedora, colaboradora, cooperadora que non deixou a acta e que vai ser imprescindible para esa votación”, engade.
Por outra banda, Candia asegura que o BNG branquea o comportamento por moi indigno que sexa por 500.000 euros. O seu feminismo a súa defensa dos dereitos das mulleres, as súas reivindicacións que todo coñecemos e constantemente escoitamos quedan minimizadas, branqueadas, normalizadas a cambio de 500.000 euros. A coherencia non existe nestes comportamentos”, puntualiza.
A dirixente popular preguntouse “que foi do BNG” toda vez que “cunha posición férrea defendendo os seus principios esixiu que o candidato á alcaldía Orozco se apartara. De feito, non se sentou a negociar ata que Orozco deixou a súa acta”. E, do mesmo xeito, incluso abandonou o goberno provincial cando o PSOE chegara a un acordo con Martínez -unha vez fóra do PSOE- para aprobar os orzamentos da Deputación de Lugo.
Sobre Tomé lembra que “o ex presidente dicía que no seu momento tomaba esa responsabilidade para restablecer a normalidade democrática” na institución provincial e “acabou provocando a situación máis indigna e máis anómala dentro do análise democrático que tivo esta institución nunca”.



















A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz de Interior do Grupo Parlamentario Popular no Senado, Luis Santamaría, mantiveron unha reunión no Senado con representantes da Asociación Española de Gardias Civís na provincia de Lugo, que lles trasladaron as principais reivindicacións do colectivo e analizaron os problemas e necesidades que afectan á Garda Civil na provincia.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



