Ribadeo, 20 de febreiro de 2026. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que o cen por cento da enerxía que xestione Recursos de Galicia (RDG) vai repercutir no territorio galego, e animou o resto de promotores eólicos a sumarse a este programa e facelo extensivo a toda a comunidade.
“O cen por cento da enerxía que teña RDG vai repercutir na nosa comunidade autónoma. Esta é a esencia desa nova política eólica que estamos defendendo e á que eu espero sumar os distintos responsables políticos, con independencia do seu partido, para que en Galicia poidamos ter un diferencial grazas a que temos tamén un diferencial que é o recurso natural”, manifestou.
Nesta liña, fixo un chamamento ao resto de promotores eólicos a “copiar” este proxecto que “é o inicio”, dixo, da nova política eólica de Galicia. “RDG está á disposición para continuar participando en máis parques e que isto se poida facer extensivo a toda a comunidade galega”, remarcou.
Lorenzana mantivo hoxe un encontro cos alcaldes dos concellos de Ribadeo, Trabada e Barreiros, que se van beneficiar dunha bonificación no consumo eléctrico grazas á compra por parte de RDG do parque eólico Mondigo. Segundo avanzou, ademais do desconto no 80 por cento da factura para os veciños deses municipios que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque, tamén se está a traballar nun plan industrial que permita reducir a factura ás empresas da contorna.
A conselleira explicou que se trazou ese radio para que o parque sexa economicamente viable e tratando de coller parroquias ou núcleos de poboación enteiros. Nese sentido, asegurou que se vai traballar da man dos concellos por ser “quen mellor coñecen o territorio” e á hora de aprender o manexo da páxina web. “Que ningún veciño pense que vai quedar fóra por esta razón”, asegurou.
Nas súas declaracións, manifestou estar percibindo “a mellor das vontades” por parte dos tres municipios a colaborar e seguir traballando nos vindeiros meses para implantar este proxecto.
Segundo explicou, a previsión de RDG é que nun prazo de seis meses o desconto poida estar absolutamente operativo. “Imos tentar que sexa en menos”, dixo, “poñémonos a traballar de xeito inmediato”.
Esta bonificación poderase solicitar a través da páxina web rdgmondigo.gal, que está “practicamente preparada para lanzarse”, adiantou. É importante destacar que o dereito a ese desconto xa se ten polo feito de ser residente nese radio próximo ao parque , pero hai que solicitalo nesa web. Aí, ademais dos datos para comprobar que se cumpren os requisitos para ser beneficiario, as persoas solicitantes terán que presentar as 12 últimas facturas.
Ao respecto, Lorenzana explicou que, desde o momento en que se recoñece o dereito, o desconto xa se devenga, con independencia de que logo se teña que negociar desde cada fogar coa comercializadora correspondente. Tamén apuntou que se está adherida ao programa, o desconto farase directamente e, se non, os usuarios poderán acudir á comercializadora de RDG como recurso alternativo para que ninguén quede fóra, concluíu.
Veciños e empresas verán unha rebaixa no consumo enerxético co modelo que a Xunta aplicará na área de influencia do parque eólico do Mondigo. Así o subliña o alcalde ribadense, Dani Vega.
O rexedor contou que “hoxe visitounos a conselleira de Industria, Mª Jesús Lorenzana, para concretar o anuncio que se fixo despois do Consello da Xunta. Foi un anuncio, unha inversión anunciada polo presidente da Xunta, que ten un impacto positivo en Ribadeo e tamén nos concellos limítrofes de Trabada e de Barreiros”.
Para Vega “esta inversión o que vén sendo é un reforzo á industria, á industria eólica, que evidentemente non debemos desaproveitar ningunha das oportunidades. E desde logo, aquí o que nos traslada a conselleira é que vai haber un impacto moi positivo nos beneficios económicos para Ribadeo, evidentemente é un reforzo da industria, é un reforzo para a creación de emprego e tamén vai ter grandes beneficios para os veciños e veciñas de Ribadeo e da contorna”.
O alcalde subliñou que “esa rebaixa do 80 % do prezo da luz, do prezo do recibo da luz, eu creo que é un beneficio evidentemente directo a cada veciño. Estamos a falar así, nun primeiro análise, de que pode ter un impacto para 540 persoas. E iso é, evidentemente, unha boa noticia. Vamos ter esta reunión para concretar qué influencia, qué área pode coller e se se pode incrementar, vamos valoralo. En definitiva, estamos falando de xestións feitas que estaban paralizadas, que algún estaba moi interesado en paralizar e evidentemente o que fixemos dende este goberno e dende a Xunta de Galicia foi traballar arreo para que Recursos de Galicia, que é este resorte importante para Galicia, porque estamos a falar dunha inversión público-privada con beneficios directos para Galicia e concretamente para o territorio do que estamos a falar, tanto de Ribadeo como dos concellos limítrofes”.
Dani Vega engadiu: “seguimos xestionando inversión para a zona, concretamente hoxe estamos falando dunha xestión que, evidentemente, Ribadeo liderou e que vamos seguir traballando para que tanto empresas como industrias veñan, observen un territorio que ten moitas posibilidades e vamos a seguir traballando para xestionar o máximo para Ribadeo. Moitas grazas á conselleira, grazas á Xunta e seguimos traballando para que avancen proxectos importantes para Ribadeo”.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, participou no encontro celebrado en Ribadeo.
Así mesmo, o Concello de Trabada pon a disposición da veciñanza as súas instalacións e os seus técnicos para prestar apoio no proceso de solicitude destas bonificacións, xa que as persoas que resulten incluídas no mapa recibirán unha comunicación nas súas vivendas e deberán iniciar posteriormente o trámite correspondente a través dunha plataforma web.
O alcalde de Trabada destacou o bo entendemento entre todas as partes presentes na reunión e subliñou que “dende o Concello seguimos traballando para que un proxecto desta importancia teña tamén un retorno directo para os veciños e veciñas de Trabada”.




















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



