Nota de prensa
Á Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e a iniciativa do seu deputado José Manuel Balseiro Orol, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presenta, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión.
Exposición de motivos
A Consellería de Economía e Industria vén de comprometer unha axuda global dun millón de euros para apoiar o plan de expansión comercial de Sargadelos e acadar así o mantemento dos máis dun cento de empregos cos que conta esta histórica compañía galega.
As axudas teñen un carácter bianual e suporán a achega de 400.000 euros a fondo perdido e 600.000 euros máis a través dun préstamo participativo de Xesgalicia, sociedade dependente do Instituto de Promoción Económica.
As axudas teñen como destino, como xa explicamos, o respaldo ao plan de expansión comercial da compañía, para permitir un incremento das vendas, e chegan despois do acordo acadado –entre a empresa e os representantes dos traballadores- para a presentación dun novo plan de viabilidade no que se recolla, precisamente, o investimento en promoción e expansión comercial e o seu impacto nas vendas.
Con todo, o compromiso socialmente máis relevante é o adquirido por parte da empresa para retirar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de carácter extintivo –que incluía a supresión de postos de traballo- e substituílo por outro, apoiado pola inmensa maioría do cadro de persoal- que contempla unha redución de xornada co obxecto de axustar os ritmos de produción. As axudas da Xunta, como vén sendo norma da Consellería de Economía e Industria, están ligadas precisamente ao mantemento dos postos de traballo.
Cómpre lembrar que a Cerámica de Sargadelos dispón dun cadro de persoal formado case na súa totalidade por mulleres, cun perfil laboral moi específico e profesionalizado, e que levan case toda a súa vida laboral ligadas á actividade da empresa. Polo tanto, a Xunta de Galicia apoia tamén a consolidación dunha serie de postos de traballo que doutro xeito terían unha complicada reinserción no mercado laboral actual.
A devandita boa nova amosa unha vez máis o amplo compromiso da Xunta de Galicia co sector empresarial galego e, de xeito particular, cunha empresa que leva o nome de Galicia polo mundo adiante, reflectido na indiscutible calidade da súa cerámica, o enxebre das súas formas e o espírito cultural, histórico, da nosa terra, que impregna a todo o grupo de empresas Sargadelos.
Con todo, a satisfacción non pode ser completa xa que oito persoas foron despedidas en aplicación do anterior ERE extintivo, hoxe por fin desbotado. Oito traballadoras cuxo despedimento xa é efectivo e que, segundo puido coñecer o Grupo Parlamentario Popular a través dos representantes de traballadores, en seis casos poderían ser beneficiarias das axudas por prexubilación, xa que cumpren os requisitos de idade, antigüidade e outras condicións establecidas na lexislación estatal vixente.
O Partido Popular sempre defendeu que se puxeran en marcha as xestións precisas para facer efectiva as axudas sociais correspondentes. Máis en concreto as contempladas na Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril) que regulamenta as axudas que poderá conceder o Ministerio de Traballo ao persoal afectado polos procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresa.
Tralo compromiso da Xunta de Galicia co máis dun cento de persoas que hoxe compoñen o cadro de persoal desta empresa, é lóxico reclamar un esforzo nesa mesma liña por parte do Goberno central, neste caso con esas seis persoas que poderían beneficiarse das axudas estatais.
Se a inspección de Traballo e Seguridade Social, dependente do Ministerio de Traballo do Goberno central, non tivo no seu día ningún tipo de reparo e informou en sentido positivo o ERE extintivo que deu como resultado o despedimento destas persoas, é lóxico reclamar que agora tamén o Executivo socialista e nun ámbito da súa competencia, outorgue as axudas necesarias para facer fronte a esas prexubilacións e que poderían chegar incluso a ser do cen por cen das percepcións correspondentes.
Polo exposto con anterioridade, o Grupo Parlamentario Popular somete á consideración da Cámara a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN
Acordo a adoptar:
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central de tal xeito que estableza as axudas e apoios específicos contemplados na lexislación estatal vixente para as traballadoras/res da empresa Sargadelos, facilitando a cobertura económica do persoal afectado polo proceso de extinción de emprego, ata que accedan á situación de xubilación.

















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



