Rodil, tralo fallo do TSXG sobre a desprotección ilegal da Serra do Careón: “É gravísimo usar un goberno para vulnerar a lei e favorecer así a Altri”
Santiago de Compostela, 09 de marzo, 2026. A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, pediulle ao PP que recapacite e non bloquee, utilizando o rodete da maioría absoluta neste Pleno, a creación dunha comisión de investigación para ter acceso á información pública e coñecer a verdade sobre o proxecto de Altri. “Se non hai nada que ocultar, se nada teme, que medo ten a que esta comisión de investigación se constitúa?, preguntou.
“Hai máis que razóns para que o Parlamento de Galiza constitúa unha comisión de investigación que poña luz onde o PP só quere sombra”, expresou Rodil, que pediu que se esclareza o que aconteceu ao longo de todo o proceso de tramitación porque “está trufado e inzado de irregularidades desde o primeiro minuto”.
Unha comisión, engadiu, para “depurar e asumir” responsabilidades políticas sobre este “atropelo”, despois de que, “como colofón”, se coñecese a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que declara “ilegal” a desprotección da Serra do Careón —terreos de amortecemento da rede Natura — por parte da Xunta de Galiza para que Altri obtivese a declaración de impacto ambiental favorable.
“É gravísimo que o PP, que ten a obriga de velar porque se cumpra a lexislación e polo interese xeral da cidadanía e do territorio, utilice o goberno para vulnerar a lei sabendo que a estaban vulnerando única e exclusivamente para blindar os intereses empresariais da macrocelulosa”. “Iso é un delito en si mesmo”, criticou.
Rodil quixo lembrar que o BNG pediu ata en tres ocasións acceso á documentación do “acordo secreto” asinado entre a Xunta —a través da Sociedade Impulsa— e a pasteira en outubro de 2021. Un memorando de entendemento que, segundo a propia empresa, contiña unha serie condicións previas que o Goberno galego debía acometer para levar a cabo o proxecto. O BNG quere saber “que condicións eran esas, que compromisos adquiriu a Xunta con Altri nese acordo secreto e que contrapartidas asumiu o Goberno galego coa empresa portuguesa”, explicou a deputada nacionalista.
“Os galegos e galegas merecemos coñecer a verdade e por iso agardamos que todas as forzas políticas apoien esta comisión de investigación”, incidiu.
Condena á guerra ilegal en Oriente Próximo
Noutra orde de cousas, a viceportavoz emprazou o resto de grupos con representación no Parlamento a apoiar a declaración institucional presentada polo BNG para condenar a guerra ilegal iniciada por Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo. Nos mesmos termos que adiantou xa o pasado xoves a propia Rodil, trátase de “encher de contido o non á guerra”, condenando unha “agresión ilegal, que viola o dereito internacional e a Carta das Nacións Unidas e que supón unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais”.
Unha agresión ilegal, subliñou, que non é un “feito illado” senón que hai que enmarcar na “política imperialista” dos Estados Unidos e os seus aliados, “os mesmos que bombardearon case unha ducia de países en catro continentes en pouco máis de un ano, que secuestraron un presidente como o de Venezuela ou que levan cometendo o xenocidio contra o pobo palestino desde hai anos”, detallou.
Diante da política de agresión que “fai saltar polos aires a orde internacional baseada nas normas e pretende impoñer a lei do máis forte”, a declaración trasladada polo BNG inclúe a condena firme á agresión militar e á política criminal de EEUU e os seus aliados, así como un chamamento á comunidade internacional, especialmente á UE, ao Estado español e á Xunta, para que adopten medidas concretas para frear a escalada bélica e para defender o respecto ao dereito de todos os pobos a exercer sen inxerencias a súa soberanía, para a recuperación do diálogo e para a solución pola vía diplomática e política dos conflitos.
Como terceiro punto, a declaración nacionalista inclúe o rexeitamento “con firmeza” ás amezas de Trump e a demanda ao Goberno de España a poñer fin de maneira definitiva á presenza militar norteamericana en territorio español, á utilización do territorio galego como base de infraestruturas e actividades da OTAN e á pertenza a esta organización.
O BNG avoga así mesmo, como cuarto punto da declaración, pola oposición ao envío por parte do Goberno español de medios e material de guerra á zona de conflito.
“Catro puntos claros de defensa da paz, da seguridade e do dereito internacional”, resumiu Rodil, que avanzou que o BNG traballa xa na presentación de iniciativas para reclamar tanto á Xunta como ao Goberno do Estado de axudas ás familias a aos sectores máis afectados pola suba de prezos, sobre todo nos combustibles, como consecuencia da guerra.
Volver ao rego do consenso
En resposta aos xornalistas, a viceportavoz nacionalista no Parlamento quixo deixar claro que o Bloque vai manter a candidatura de Fernando de Abel Vilela para o posto de adxunto á Valedoría do Pobo, que se vai votar o próximo venres na Comisión de Peticións. “É unha persoa cunha traxectoria académica, profesional e social intachable”, subliñou Rodil, emprazando máis unha vez ao PP a recapacitar e volver “ao rego do consenso e do respecto á democracia e ao pluralismo”.
“É innegable que o PP ten maioría absoluta, pero os galegos e as galegas non lle deron un poder absolutista e ten que respectar o pluralismo”, salientou, ao tempo que advertiu que o veto político a De Abel supón “facer saltar polo aires os consensos democráticos” e o pluralismo representado no medio millón de cidadáns que votaron ao BNG.




















O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



