Lugo, 14 de marzo, 2026. O Presidente da República de Cabo Verde, José María Neves, recibiu no Palacio Presidencial á Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, no marco da visita institucional que esta está a realizar ao país africano. O encontro dá continuidade ao convite formulado polo mandatario caboverdiano durante a súa visita a Burela en 2024 e permitiu avaliar os avances acadados desde aquela primeira reunión, especialmente no ámbito consular.
López destacou que, malia os progresos realizados, é preciso “unha maior implicación para atender axeitadamente as demandas da poboación caboverdiana residente na provincia de Lugo, facilitar os trámites administrativos e consulares e dar unha resposta máis eficiente ás necesidades desta comunidade”. A presidenta agradeceu a boa disposición mostrada polo Presidente Neves e valorou o compromiso de reforzar a presenza da Embaixada de Cabo Verde en España na provincia.
Durante a reunión, o Presidente puxo tamén en valor o traballo en materia de cooperación que o Goberno de España desenvolve en Cabo Verde, contribuíndo á rehabilitación de espazos, ao impulso de proxectos de emprendemento e á implantación da Axenda 2030. Neves expresou o seu interese en abrir novas vías de colaboración coa Deputación de Lugo neste ámbito.
Interese polo encontro ‘As Elixidas’
O mandatario caboverdiano interesouse ademais polo II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, celebrado estes días na cidade de Praia e no que participa Carmela López como integrante da delegación galega do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O foro reuniu máis de 130 representantes municipais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia para analizar o papel da muller no poder local.
O encontro concluíu coa aprobación da Declaración da Praia, un documento que reafirma o compromiso das responsables municipais por avanzar na igualdade, reforzar a participación política das mulleres e promover políticas públicas con perspectiva de xénero. A declaración subliña que a participación plena das mulleres na vida política fortalece a democracia, fai as comunidades máis xustas e impulsa un desenvolvemento máis sustentable.
Ao longo das sesións, ‘As Elixidas’ converteuse nun espazo de diálogo, sororidade e aprendizaxe mutua, no que se compartiron experiencias sobre políticas de igualdade, orzamentos con enfoque de xénero e ferramentas para avanzar cara a unha gobernanza máis inclusiva. A iniciativa, organizada polo Fondo Galego e pola Associação Nacional dos Municípios de Cabo Verde, celebrouse baixo o lema ‘Electas no local, unha voz global’ e coincidiu co Día Internacional das Mulleres e co impulso do ODS 5 da Axenda 2030.
Reunión coa Secretaria de Estado do Ministerio das Comunidades
A axenda institucional de López incluíu tamén un encontro coa Secretaria de Estado do Ministerio das Comunidades, Vanuza Francisca Correia Teixeira Barbosa, na sede do propio Ministerio. Ambas responsables analizaron vías de colaboración para reforzar as relacións coa diáspora caboverdiana e promover entre a comunidade residente en Lugo os programas e iniciativas impulsados polo Ministerio.
Entre as propostas estudadas figura o desenvolvemento de proxectos dirixidos especificamente á poboación caboverdiana asentada na provincia, un territorio cunha presenza especialmente significativa desta comunidade e cunha longa historia de vínculos sociais, culturais e económicos con Cabo Verde.
Tamén se abordou a posibilidade de impulsar iniciativas orientadas á mocidade, destinadas a mellorar o rendemento escolar, favorecer a continuidade dos estudos e reforzar as expectativas académicas e profesionais das novas xeracións, incorporando compoñentes motivacionais e de acompañamento educativo.
López subliñou a importancia de reforzar os espazos de cooperación institucional e o diálogo permanente entre administracións, co obxectivo de seguir construíndo pontes entre Galicia e Cabo Verde e apoiar ás comunidades que comparten unha relación histórica e humana moi estreita.





















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



