Critica a Rueda que comezara co peche de centros, aínda sen ter aprobado o decreto: “O PP é moi eficiente á hora de empeorar a sanidade pública”
Santiago de Compostela, 17 abril 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que os cambios anunciados polo Goberno do PP nos Puntos de Atención Continuada (PAC) supoñen “unha nova volta de torca no deterioro da atención primaria” que vai prexudicar tanto ás e aos doentes como a un persoal sanitario que xa está ao límite, porque na práctica, sintetizou, “o que propón o Partido Popular é menos persoal sanitario atendendo a máis poboación”.
Pontón analizou en Santiago con representantes do persoal da atención continuada e de CIG-Saúde as consecuencias deste “novo decretazo” co que o Executivo de Rueda introduce “novos recortes mesmo antes de que sexa aprobado”, recalcou logo dun encontro no que tamén participaron as deputadas da área de Sanidade, Montserrat Prado e Iria Carreira.
A líder nacionalista incidiu que os cambios no funcionamento dos PAC van a supoñer, en primeiro lugar, o peche dos centros de saúde que até agora prestaban a súa atención os sábados entre as 08 e as 15 h. “É dicir, milleiros de persoas que podían ser atendidas no seu centro de saúde, máis próximo das súas casas, agora van ter que desprazarse quilómetros para poder ser atendidas, en moitos casos, desprazarse en coche”, afondou, para sinalar a continuación que moitas persoas maiores que non teñen vehículo propio van a ter que costearse cun taxi este desprazamento.
Neste sentido, remarcou que “Rueda xa empezou a pechar estes centros de saúde os sábados”, aínda que ese decreto non se aprobou, o que demostra como “o Partido Popular é moi eficiente á hora de empeorar a sanidade pública”.
En segundo lugar, tamén explicou que os cambios nos PAC obrigan a facer xornadas máis amplas ao persoal sanitario, en particular aos médicos e médicas, que van a ter que atender a moitas máis persoas usuarias que antes acudían ao seu centro de saúde e que agora van ter que ir ao Punto de Atención Continuada de referencia para poder ser atendidas en horario de sábado pola mañá.
As áreas máis afectadas, indicou, son as de Santiago e Pontevedra, con aproximadamente 20 centros de saúde, algúns que xa comezaron a pechar mesmo antes de ser aprobado o decreto. Así, centros de saúde como os do Pino, Vedra-Boqueixón, Concepción Arenal, Bembibre, Cacheiras-Teo e Sigüeiro pasarán a concentrar toda a súa atención os sábados pola mañá no PAC de Santiago.
Algo similar, detallou, pasará na área sanitaria de Pontevedra, na que a veciñanza que até agora era atendida nos centros de saúde de Poio, Barro, Campo Lameiro, Arcade, Vilabora, A Lama-Pontecaldelas e Cerdedo Cotobade pasarán todos a concentrarse nun único PAC de referencia.
“É moi fácil ver as consecuencias que ten para os doentes, terán que desprazarse quilómetros para ser atendidos e, ademais, van a ter que esperar máis tempo para ter esa atención porque se concentras toda esa poboación nun único PAC, a diferenza na calidade asistencial tamén se vai a notar”, resumiu.
Por todo isto, considerou a medida “un paso máis” do PP na súa “estratexia de acoso e derribo á atención primaria” e no seu empeño “en deteriorar o corazón da sanidade pública”, o que evidenciou recordando o recorte na primaria de 1.600 millóns de euros dos populares en 17 anos de goberno.
Neste contexto, defendeu as propostas do BNG para facer “xusto o contrario”, que é blindar a sanidade pública, empezando por dotar a atención primaria dos recursos necesarios para poder prestar unha atención de calidade e para que as e os profesionais non teñan que traballar en precario.
“Porque unha das consecuencias que vai ter este decretazo dos PAC que está preparando o Partido Popular é máis precariedade para os traballadores e traballadoras da sanidade pública e é moi difícil reverter esta situación se realmente non se aposta por condicións dignas para os profesionais da sanidade pública”, reflexionou logo de advertir ao PP cando se queixa da falta de profesionais que se continúa empeorando as condicións de traballo, cada vez serán menos as persoas con disposición para traballar no sistema sanitario galego.
“Por iso nós dicimos, máis persoal para a atención primaria e menos precariedade para os traballadores e traballadoras dun servizo esencial como é a nosa sanidade pública”, sintetizou.
Pontón avogou neste punto por aumentar o financiamento da atención primaria até o 25% de todo o orzamento do Sergas, tal e como recomenda a OMS, e lamentou que Galiza sexa hoxe a segunda comunidade de todo o Estado que menos inviste por habitante en primaria.
De igual xeito, apostou por dotar a primaria de máis servizos, incorporando novas especialidades como psicoloxía clínica, podoloxía ou logopedia e, por último, defendeu a necesidade de poñer en marcha un plan de choque para reducir unhas listas de espera que neste momento “están descontroladas”.
“Esta é a dirección na que hai que traballar, que está xustamente nas antípodas do que representa o PP, que o que trae para a sanidade pública son recortes e privatizacións que están convertendo ao Partido Popular nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.

















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



