O delegado territorial, Javier Arias, explica que xa está aberto o prazo de inscrición nos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, que se desenvolverán principalmente nos meses de xullo e agosto
Lugo, 20 de abril de 2026.- A Xunta abriu o prazo de inscrición nos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado da campaña Modo Verán Activo, que este ano oferta 2.593 prazas en instalacións da provincia de Lugo. No conxunto de Galicia a cifra supera as 11.900. A programación vai dirixida a nenos e mozos dende os 9 ata os 30 anos.
O delegado territorial, Javier Arias, apunta que a maior oferta e a máis demandada polas familias é a dos campamentos, destinados a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre 9 e 17 anos.
Durante os meses de xullo e agosto, sucederanse 34 quendas con diferentes temáticas en sete instalacións da Xunta repartidas pola provincia: Area (Viveiro); A Devesa (Ribadeo); Os Chacotes (Palas de Rei); Benigno Quiroga (Portomarín); albergue LUG II (Lugo); Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá e Centro de Inmersión Lingüística dos Peares (Carballedo).
Entre as novidades desta edición, amplíase o número de prazas no campamento Aventura de Montaña en Becerreá e nos de música, tecnoloxía e emprendemento que acollerá o LUG II.
A esta oferta súmase a dos minicampamentos Coñece Galicia, para a franxa de idade dos 9 aos 12 anos. Carballedo acollerá un deles, o Mini Adventure Camp, que se desenvolverá no Centro de Inmersión Lingüistica dos Peares e conta con 60 prazas.
Campos de voluntariado
No que respecta aos campos de voluntariado para maiores de 18 anos, o programa inclúe tres novos na provincia: Monte Cido, en Folgoso do Courel; Territorio Sonoro, no Incio e Fervenza das Polancas, en Quiroga. Ademais, recupérase o de Samos.
Tamén se desenvolverán os de Ancares, en Navia de Suarna; Castro e Romaría de San Lourenzo, na Pobra do Brollón; Xuventude é Camiño, en Palas de Rei; e o do Castro de Viladonga, en Castro de Rei.
Presentación de solicitudes
O prazo de inscrición nos campamentos e minicampamentos está aberto ata o mércores 29 de abril. A solicitude debe facerse a través da sede electrónica da Xunta e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo, priorizando este ano a aquelas persoas que non participaran nunha actividade adxudicada directamente na fase de sorteo de 2025.
En canto aos campos de voluntariado en Galicia, as solicitudes presentaranse mediante un formulario habilitado no portal de Xuventude da Xunta, tamén ata o 29 de abril. No que respecta aos campos noutras comunidades autónomas, solicitaranse dende o 22 ao 29 de abril; e para os do estranxeiro xa está o prazo aberto dende o 5 de marzo. Neste caso, as prazas outorgaranse por orde de inscrición.
Outras modalidades
Outra das modalidades desta oferta son as actividades concertadas nas instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta inclúe varias quendas en Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo), o albergue Benigno Quiroga (Portomarín) e Os Chacotes (Palas de Rei).
Ademais, a mediados de maio abrirase o prazo de inscrición nun programa de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos. A provincia de Lugo acollerá tres destas accións: Surf na Mariña (A Devesa); Aventura na Montaña (Cervantes) e o Xeocampamento nas Montañas do Courel. Nas dúas primeiras hai unha quenda e na última, dúas.
























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.



