Barreiros, 27 de abril, 2026. A Concellería de Igualdade do Concello de Barreiros presenta unha nova edición da Escola de Familias para o ano 2026, un programa formativo que busca ofrecer ferramentas ás familias para abordar a educación afectivo‑sexual e a prevención das violencias desde as idades máis temperás.
Esta iniciativa supón un fito na xestión municipal, ao ser o primeiro goberno da historia de Barreiros en organizar espazos educativos dirixidos ás familias. En 2026 chega xa á súa quinta edición, consolidándose como unha das múltiples actividades integradas no programa +Igualdade Barreiros. A alcaldesa, Ana Ermida, destaca que estas actuacións responden ao compromiso firme do goberno local coas políticas de igualdade: “Desde a nosa entrada no goberno tivemos claro que a igualdade e a protección das crianzas non podían ser temas secundarios. Apostamos por unha programación estable que pon o foco no que realmente importa: educar en liberdade, respecto e seguridade. A Escola de Familias é o reflexo dun concello que quere avanzar e non deixar de lado a formación afectiva da súa veciñanza”.
Unha formación necesaria e pioneira en Barreiros
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, incidiu en que estas xornadas, destinadas ás familias con crianzas de 0 a 12 anos, son esenciais para fomentar modelos de convivencia baseados no respecto mutuo. Subliñou que constitúen un “piar fundamental para construír unha sociedade libre de violencias desde a base, dotando ás familias de recursos para falar de afectividade, límites e respecto con naturalidade, e proporcionando ferramentas para a detección e a abordaxe de todo tipo de violencias”.
O programa +Igualdade Barreiros, na vangarda das políticas igualitarias
Coa creación do programa +Igualdade Barreiros no ano 2022, o Concello marcou un antes e un despois neste eido, situándose na vangarda das políticas de igualdade. Trátase dun programa innovador que aglutina e reforza accións diversas, poñendo a Barreiros no mapa das iniciativas igualitarias.
Desde a aprobación do Plan de Igualdade para o cadro de persoal —sendo o primeiro concello da provincia en elaboralo e aprobalo en pleno— ata as sucesivas escolas de familias, a formación continuada do persoal da Escola Municipal Infantil, a elaboración dun protocolo de acoso laboral, a oferta de formación en igualdade para o conxunto do persoal municipal, a participación activa da veciñanza nas actividades da concellería, a posta en marcha da mesa interinstitucional para a prevención das violencias ou a inclusión de materias de igualdade nos temarios das ofertas públicas de emprego, son algunhas das accións que conforman un programa que non deixa de medrar e integrarse na vida diaria das persoas de Barreiros.
Un programa especializado e con inscrición aberta
Nesta quinta edición, a Escola de Familias contará coa experiencia de María González Cociña, matrona no Centro M Burela, quen será a encargada de impartir as sesións e acompañar ás familias participantes. O programa está dirixido a familias con crianzas de 0 a 12 anos e estrutúrase en dúas xornadas que terán lugar no Centro Sociocultural de San Cosme ás 11:00 horas:
9 de maio: “Acompañar na educación afectivo‑sexual e na prevención de violencias sexuais”.
13 de xuño: “Corpo, límites e respecto: aprendendo a coidarnos”.
Para participar nas sesións, financiadas cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é necesaria inscrición previa no Concello. O prazo remata o 6 de maio.
Con este novo ciclo, o Concello de Barreiros continúa a dar pasos firmes na creación de espazos de reflexión e aprendizaxe colectiva, reafirmando que a educación desde as etapas máis temperás é o camiño máis eficaz para construír un futuro en plena igualdade.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



