Antonio Ameijide cualifica de “fracaso” o resultado das políticas de turismo do goberno provincial na Deputación de Lugo que “non fixo nada do prometido; só crear o Consello Provincial de Turismo, un organismo na teoría participativo, pero que non practica a escoita activa dos integrantes, nin ten capacidade para impulsar ou xestionar e que nin a presidenta da Deputación como presidenta do órgano nin a deputada de Turismo que o dirixe teñen intención de darlle operatividade”
Luns, 11 de maio de 2026. “O goberno provincial de PSOE e BNG non ten estratexia turística para a provincia”, segundo manifesta o portavoz popular, Antonio Ameijide, á vista de que “o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último presentado, leva 6 anos caducado e sen cumprir a maioría dos obxectivos marcados polo propio goberno provincial na procura dun modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo”. É dicir, “está sen actualizar e seguimos sen avanzar en materia de promoción turística. PSOE e BNG non teñen plan, nin modelo, nin proxecto. Viven das rendas recollendo os froitos da estratexia de turismo dun goberno do Partido Popular”.
O popular sinala, en relación á aprobación dun novo programa na última xunta de goberno, que “se trata dun novo programa que non se recolle en ningún Plan Estratéxico -porque está caducado-, ademais carece de ambición e contraprograma ás áreas que dirixe o BNG na Deputación de Lugo. Así mesmo, engade que “non foi abordado no Consello Provincial de Turismo” polo que “ningunean a este órgano no que ten representación o sector”.
Ameijide considera que “o turismo funciona na actualidade na provincia grazas á inmensa riqueza paisaxística da provincia, aos recursos culturais e patrimoniais, á iniciativa privada, aos Concellos que apostan e fan o posible e ás campañas de difusión e promoción da Xunta de Galicia, moi implicada na actualidade na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”.
E engade que “a Deputación si tiña décadas atrás un proxecto turístico que herdamos hoxe en día de forma exitosa como son as rutas fluviais, unha iniciativa que evidencia a visión e a aposta decidida dun goberno do Partido Popular pola posta en valor da Ribeira Sacra”. Iso si, “daquela había máis rutas de catamaráns que o actual goberno de PSOE e BNG deixou perder; igual que abandonou a rede de embarcadoiros, clubs náuticos instalacións relacionadas coa actividade fluvial coma o complexo turístico pioneiro de Augas Mestas, en Quiroga”.
O popular engade como exemplo de “herdanza dun goberno do Partido Popular, as zonas verdes dende a capital -os paseos do Rato e do Miño- ao resto da provincia, o impulso das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e investimentos transformadores por zonas concretas que PSOE e BNG non foron capaces de manter”. Tamén se realizaban importantes accións de captación e difusión turística con campañas e participación en feiras internacionais que “sufriron un declive e abandono”.
INCUMPRIMENTOS
Antonio Ameijide incide nos “incumprimentos” do goberno de PSOE e BNG en materia de turismo. “O incumprimento é tan grave que non teñen Plan Estratéxico de Turismo dende o 2020 cando deixaron caducar o anterior que para o único que serviu foi para facer un acto de presentación como mera posta en escena porque non o seguiron”. De feito, “non chegou a ser unha realidade” porque “nin traballaron nas ideas do seu propio plan: nin se molestan en impulsar nada nin en facilitar que os demais impulsen accións para o desenvolvemento turístico da provincia”.
O portavoz popular engade que “a pesar de anunciar 3,6M€ no orzamento do 2026 en materia de promoción do territorio e turismo, a realidade é que non se traduce no fomento real da imaxe da provincia ou para captar turismo; senón só para autobombo da presidenta e do goberno, pero non para iniciativas interesantes e para divulgar Lugo por todo o mundo”.
“O Plan Lugo Cambia 360 non cambiou nada. Incluso as novidades anunciadas para a web de Turismo dentro do ‘Espazo Profesional’ non están a funcionar”, advirte o popular. “Nin funcionan os enlaces ás maioría das apps, nin está actualizada a páxina de YouTube que só conta con 3 vídeos por ano, a pesar de dispoñer a Deputación de Lugo dun servizo propio de audiovisuais”. Tampouco están actualizados os perfís nas redes sociais polo que “tamén están a desatender o plan de comunicación en redes sociais”.
A app Lugo Cambia 360 non está optimizada en buscadores para que os posibles interesados puideran atopala e facer uso deste recurso, non crearon novas para produtos turísticos prioritarios. Tampouco está completa a axenda virtual de eventos provincial nin actualizada a información sobre as actas do Consello de Turismo, o Banco de Imaxes non é áxil porque require que agardar resposta, falta dinamismo nas seccións sobre produtos gastronómicos, con denominación de orixe, Indicación Xeográfica Protexida ou razas autóctonas que son meramente informativas.
Ameijide cualifica de “fracaso” o resultado das políticas de turismo do goberno provincial na Deputación de Lugo que “non fixo nada do prometido” toda vez que “a maioría dos lucenses non teñen na mente unha marca turística propia da Deputación de Lugo nin coñecen as experiencias ‘Aventura na Ribeira Sacra’, ‘Detrás de Lugo’ ou ‘Sabores esenciais’, nin as rutas gastronómicas, literarias ou de Patrimonios da Humanidade. E a Deputación de Lugo tampouco puxo en valor itinerarios culturais como a Vía Romana XIX, Vía Rexia do Norte ou a Vía Künig.
CONSELLO PROVINCIAL DE TURISMO
O popular explica que “o único que fixeron foi crear o Consello Provincial de Turismo, un organismo participativo que non practica a escoita activa dos integrantes, nin ten capacidade para impulsar ou xestionar. Nin a presidenta da Deputación como presidenta do órgano nin a deputada de Turismo que o dirixe teñen intención de darlle operatividade”. Na actualidade, “non realiza 8 das funcións recollidas no seu regulamento e, das outras 3, só en parte” como é o caso da avaliación de candidaturas aos premios provinciais de turismo, pero non fai propostas.
É máis, “só convocan as sesións ordinarias recollidas nos estatutos nas que se da conta do número de visitantes dos catamaráns, as feiras ás que acudiron e dos premios outorgados”. Hai que lembrar que “algúns anos quedaron desertos e noutros casos resultaron galardoadas institucións gobernadas polo PSOE que, posiblemente, foran chamadas para presentar candidaturas para que non queden desertos”.


















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



