Esta iniciativa está dirixida a público en xeral e arrincará o vindeiro 5 de xuño ás 19:00 horas no Pazo de San Marcos. A programación desenvolverase ao longo de todo o ano en 19 concellos da provincia
Lugo, 29 de maio de 2026. A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en marcha unha programación formativa de 20 obradoiros gratuítos dirixidos á cidadanía, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificar e combater a desinformación, fomentar o pensamento crítico e promover un consumo responsable da información no actual contexto dixital. Así o anunciou este venres no Pazo de San Marcos a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, durante a presentación desta iniciativa, que percorrerá 19 concellos da provincia ao longo de todo o ano.
Carmela López agradeceu ao Colexio a implicación para promover esta proposta “útil, necesaria e moi conectada coa realidade que vivimos hoxe”, e destacou a importancia de impulsar estas accións que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade fronte á sobreinformación e á proliferación de contidos falsos. “Estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”, sinalou.
Neste sentido, a mandataria provincial puxo en valor o papel do xornalismo profesional: “Detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”.
Os obradoiros están abertos ao público en xeral, serán impartidos por xornalistas e colexiados e ofrecerán ferramentas prácticas para identificar bulos, contrastar informacións e promover hábitos de consumo informativo máis seguros e responsables.
Pola súa banda, Belén Regueira afirmou que o Colexio de Xornalistas leva xa tempo traballando a alfabetización mediática con público adolescente, “pero hai tempo que detectamos a necesidade e mesmo a urxencia de estender esta formación tamén ó público adulto” porque a sociedade precisa “ferramentas que permitan distinguir o xornalismo de calidade, pero tamén un consumo crítico da información”.
O Pazo de San Marcos, primeira parada
Os obradoiros contan cun máximo de 35 prazas e as persoas interesadas en participar nalgunha destas accións formativas deberán formalizar a súa inscrición en xornalistas@xornalistas.gal ou a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdDPLUNTfCBI8gFSLKJU0Pw-t8L4noGaMF2RummQat9yOK0Rw/viewform
O primeiro taller terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro venres, 5 de xuño, ás 19:00 horas impartido por Pilar Rodríguez Losada, cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia. Debido á capacidade limitada da sala, para participar neste primeiro obradoiro é necesario inscribirse previamente a través deste formulario online. Tras este primeiro obradoiro, a formación contra a desinformación chegará aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.
A Presidenta concluíu apelando á responsabilidade colectiva e á necesidade de fomentar o espírito crítico á hora de compartir contidos. “Non podemos resignarnos. Temos que aprender tamén a parar un momento antes de compartir algo ou de dar por certa unha información”, concluíu.























O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.
Será desde as 11 horas. Trátase dun reto por parellas no que enxeño, concentración e traballo en equipo serán claves para completar o puzzle no menor tempo posible. Agárdase a participación duns 40 equipos e haberá premios para os tres mellores tempos e un recoñecemento ao mellor tempo local. O Concello de Cervo anima a apoiar



