A iniciativa desenvolverase no Conservatorio de Música en dúas quendas e combina educación ambiental, creatividade e formación musical
Viveiro, 17 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro colaborará coa Banda de Música O Landro na organización duns obradoiros de construción de instrumentos musicais con material de refugallo. Trátase dunha proposta que une educación ambiental, creatividade e formación artística e que se desenvolverá durante este verán no Conservatorio de Música de Viveiro.
A iniciativa conta tamén coa colaboración de FCC Medio Ambiente, empresa adxudicataria do servizo vinculada á xestión dos residuos no municipio. Desde o Concello sublíñase que este tipo de actividades permiten avanzar na concienciación ambiental e, ao mesmo tempo, implicar á sociedade, ás asociacións e ás novas xeracións na importancia de preservar o medio natural a través de propostas prácticas e participativas.
Durante a presentación da actividade, o Goberno municipal puxo en valor a capacidade destes obradoiros para conectar dúas dimensións de grande interese público, como son o respecto polo medio ambiente e a educación musical. Neste sentido, destacouse tamén o papel da Banda de Música O Landro como entidade que contribúe á dinamización cultural de Viveiro e á promoción de iniciativas formativas e innovadoras.
Pola súa banda, FCC Medio Ambiente incidiu na importancia de fomentar entre a infancia e a mocidade hábitos ligados á reciclaxe e á re utilización dos materiais. Lembrouse que dar unha nova vida aos residuos tamén forma parte dunha maneira máis responsable de relacionarse coa contorna.
Desde a Banda de Música O Landro explicouse que o obradoiro está pensado para crear unha sinerxía entre educación ambiental e educación artística, co emprego de materiais cotiáns para construír instrumentos e co uso da imaxinación, o traballo en equipo e a creatividade en parte fundamental da experiencia.
Na actividade, haberá dúas quendas dispoñibles: do 22 ao 26 de xuño e do 6 ao 10 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Será no Conservatorio de Música de Viveiro. O prezo será de 50 euros na primeira quenda e de 60 euros na segunda. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición, que deberá realizarse a través do correo electrónico bandaolandro@gmail.com.
O Concello de Viveiro felicitou á Banda de Música O Landro e a FCC Medio Ambiente por impulsar a proposta. Ademais, incidiu na vontade de seguir apoiando iniciativas que reforcen ao mesmo tempo a sensibilización ambiental, a formación e a vida cultural do municipio.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



