O novo centro combina conservación do patrimonio, formación, innovación e sustentabilidade para consolidar Xermade como referente da tornería da madeira
Xermade, 17 de xullo de 2026. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, inaugurou o Centro Internacional da Tornería de Xermade, tras un investimento de 403.000 euros do Goberno de España a través do Instituto para a Transición Xusta, “coa ledicia e a satisfacción do traballo ben feito”. Ao acto de inauguración asistiron o alcalde de Xermade, Roberto García; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; a subdelegada na provincia, Olimpia López; as arquitectas Luz Paz Agras e Marta Marcos Maroño, responsables do proxecto, así como representantes dos torneiros e demais veciñanza.
Blanco destacou que “esta antiga reitoral recupera unha parte importante do patrimonio do concello e abre unha nova etapa para un oficio que forma parte da súa identidade”. De feito, “é o primeiro equipamento destas características en Galicia, o que lle outorga unha exclusividade estratéxica a nivel estatal”.
O obxectivo do Goberno, matizou o delegado, “é garantir que os pequenos concellos como Xermade conten cos mesmos instrumentos ca outros lugares do país para construír o seu futuro, apoiando iniciativas coma esta que parten do traballo do alcalde, Roberto, e da actividade admirable dos torneiros que manteñen o legado como un sinal de identidade”.
Pedro Blanco puxo en valor que o CIT recupera patrimonio, aposta pola eficiencia enerxética e pola sustentabilidade, incorpora ferramentas dixitais para abrir este espazo ao mundo e crea unha infraestrutura que servirá para formar novas xeracións: “Este edificio non remata hoxe a súa historia. Comeza cunha nova páxina”, destacou Blanco, “porque a mellor política contra o despoboamento son actuacións como esta, que aproveitan os recursos propios do territorio e que xeran confianza nas posibilidades do rural”. Finalmente, o delegado salientou que en total, desde 2019, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu máis de 183 millóns de euros en axudas a 59 proxectos nas zonas de transición xusta de Meirama e As Pontes.
Proxecto A Reitoral (CIT) Centro Internacional da Tornería
O edificio da Reitoral foi rehabilitado para converterse nun espazo moderno, funcional e versátil, cunha zona expositiva, espazos para actividades formativas e de divulgación e unha sala polivalente preparada para acoller reunións, conferencias, cursos e outros eventos.
O obradoiro de torneiría situouse nun espazo independente e especificamente acondicionado para garantir unhas condicións de traballo axeitadas e facilitar a súa visibilidade desde o interior do edificio. A actuación complétase coa mellora dos espazos exteriores, a creación dunha zona axardinada con especies autóctonas e unha importante renovación enerxética, que inclúe o illamento integral do inmoble, a renovación das carpintarías e a instalación de sistemas de aerotermia e enerxía fotovoltaica para reducir o consumo e os custos de mantemento.
O proxecto recibiu en setembro de 2025 un recoñecemento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco dunha convocatoria extraordinaria de premios do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
























As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron esta semana dunha xornada de convivencia e aprendizaxe neste parque. Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto. A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza. Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.
Villares gabou o traballo realizado e subliñou que “a implicación do tecido social e dos veciños e veciñas é clave para transmitir as tradicións que forman parte da nosa identidade e reforzar os vínculos da comunidade”. Na xornada principal deste xoves destacou a ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos. O venres e o sábado celebraranse o Festival Folklórico Internacional e o Festival Folklórico Infantil respectivamente, organizados polo Grupo Mistura.
O Concello de Ribadeo atende así a petición realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, que solicitou permisividade neste sentido aos 67 Concellos da provincia de Lugo. Ademais o Concello autorizou a instalación dunha pantalla na praza de Porcillán. A petición foi realizada pola Asociación Cultural Festas do Carme.
Nesta ocasión contará, ademais de cos anfitrións A Subela, como grupo convidado ao Grupo Folclórico e Etnográfico do Cimeiro, procedente de Soure, en Portugal, que participa dentro dun intercambio cultural. A organización destaca que será unha edición especialmente significativa e anima ao público a non perdela. Terá lugar o 18 de xullo, ás 21:00 horas, na Praza Conde de Fontao, de Foz.



