NOTA DE PRENSA:
O deputado popular reclama ao Goberno bipartito que poña fin á súa errónea estratexia de brazos cruzados ante estas preocupantes cifras e esixe potenciar os esforzos da Xunta en materia de solo industrial e mellorando o sistema de formación e incentivos para o emprego, actualmente moi afastado da demanda real das empresas e sectores produtivos que ofrecen posibilidades de emprego
O PPdeG ALERTA QUE NA MARIÑA LUCENSE O PARO SE DISPAROU EN MÁIS DUN 15,53% NO QUE LEVAMOS DE ANO, ELEVANDO A CIFRA DE DESEMPREGADOS A 3.467 PERSOAS
* A destrución de emprego supera no último mes as 300 persoas o que supón que cada día 10 novos parados da Mariña engrosaron as listas do INEM.
* Todos os sectores produtivos víronse afectados pola caída da actividade, encabezados pola construción pero seguidos de cerca polo sector industrial e os servizos.
* Máis do 60% das desempregadas son mulleres, residentes nos concellos de Ribadeo, Viveiro e Foz.
A Mariña, 4 de decembro de 2008.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia (PPdeG) José Manuel Balseiro Orol vén de realizar unha valoración moi negativa das cifras rexistradas nas últimas estatísticas oficiais sobre o desemprego na nosa comarca. Os populares afirman que saltaron todas as alertas tras coñecerse que o paro disparouse en máis dun 15,53% no que levamos de ano, elevando a cifra de mariñáns sen emprego ata as 3.457 persoas. O mercado laboral do conxunto dos concellos da Mariña lucense vive o seu particular viacrucis e, no pasado mes de novembro destruíronse 318 empregos, como mostra dunha sangría que parece non ter fin. A devandita cifra supón que cada día de novembro, 10 novos parados residentes na nosa comarca pasaron a engrosar as listas do INEM.
Os números vermellos aparecen en todos os sectores produtivos. O que peor comportamento tivo respecto ao mes anterior foi, unha vez máis, a construción que experimentou unha alza do 18.53%, seguida do sector da industria, cun aumento do 11,6% e os servizos que subiu un 10%. Tamén crece o paro no colectivo de persoas sen emprego anterior nun 5,7%. Na actualidade 430 persoas están á espera de poder asinar o seu primeiro contrato de traballo.
BRAZOS CRUZADOS DA XUNTA
O deputado popular criticou que a Administración autonómica non tome medidas para frear esta sangría. Segundo Balseiro “o señor Conselleiro de Traballo practica a política de brazos cruzados e isto é inadmisible nunha comarca que sempre foi creadora de emprego e innovadora no proceso industrial”. O Parlamentario mariñán subliña o feito de que esta lexislatura estivo baleira no relativo á posta en marcha de políticas activas de fomento da contratación pois, segundo o PP, “as poucas medidas adoptadas foron anecdóticas, non tiveron en conta as características particulares do desemprego que existe na nosa comarca ou, como o caso dos pactos territoriais polo emprego non están a desenvolverse coa urxencia que os malos datos sobre o paro esixe”.
AS MULLERES REPRESENTAN O 60% DO DESEMPREGO
Segundo Balseiro Orol as mais castigadas pola crise son as mulleres “en novembro contabilizáronse 2.064 paradas o que representa o 60% do total, os homes representan o 30% restante”. Ante esta situación, indicou o deputado popular, numerosas familias verán mermada a súa capacidade económica e, sobre todo, naquelas áreas mais afectadas pola crise, como están a ser os sectores da construción ou da industria.
Os populares entenden que Xunta de Galicia non está a poñer en marcha medidas dirixidas a evitar a incidencia da crise no sector servizos, polo que o desemprego está a afectar ao que respecta a hostalería e comercio. “Hoxe todos somos conscientes de que a Xunta mira para outro lado, sen capacidade de reacción, negando o apoio debido a estes sectores estratéxicos en materia de contratación.”
RIBADEO, VIVEIRO E FOZ TRIÁNGULO DO DESEMPREGO
De xeito especial, preocupa a evolución negativa do número de desempregados nos tres concellos que encabezan o lista anual de destrución de postos de traballo: Ribadeo cun alza de 160 persoas en paro, Viveiro con cifras próxima á centena e Foz con 54 son os tres concellos que maiores incrementos en números totais rexistran. Se falamos en termos de evolución porcentual preocupa a alza do 250% no número de desempregados, do sector da agricultura e da gandería que rexistra o concello de A Pontenova.
POLÍGONOS INDUSTRIAIS E POLITICAS ACTIVAS DE EMPREGO
Pero a análise dos populares non se limita a valorar as preocupantes cifras do desemprego se non que, dun xeito construtivo, propoñen varias iniciativas para non deixar que a crise sega afogando as familias da comarca. Por unha banda apostaron por desenvolver un maior esforzo en materia de solo industrial, de tal xeito que se abarataría o custe para aquelas empresas que demandan este tipo de emprazamentos e suporía un incentivo para atraer novas oportunidades de traballo. No que levamos de lexislatura, “a paralización práctica dos polígonos de Alfoz e Valadouro, o esquecemento da creación dunha nova área industrial en Burela, os problemas non resoltos para a posta en marcha do polígono de Ribadeo e a parálise das áreas industrias de Landrove en Viveiro -que nunca pasa de ser máis cun simple proxecto ao que nunca chegan os cartos comprometidos- ou a inaceptable supresión do polígono supramunicipal no contorno de ALCOA, son pasos atrás na boa dirección” segundo o entenden os populares.
FORMACIÓN PENSADA PARA A DEMANDA DAS EMPRESAS
Outra das propostas do partido político ao que pertence Jose Manuel Balseiro, o PPdeG, radicou en que a Administración Autonómica poña en marcha políticas activas de emprego, como as relacionadas coa formación específica dos parados “en función da demanda existente”. Para os populares unha das características do sistema formativo dirixido aos colectivos sen emprego é que non se adecúa á demanda real das empresas e, polo tanto, o Goberno utiliza os cursos de formación ocupacional e inserción laboral para maquillar a magnitude real do problema. Neste senso desde o PP explican que moitos dos mariñáns que buscan traballo que están hoxe cursando algunha das accións formativas non aparecen nas estatísticas oficiais como demandantes de emprego. En consecuencia, o número de persoas sen traballo é moito maior da que queren facernos ver socialistas e nacionalistas.
“Hai que esforzarse en mellorar a empregabilidade da xente que está no paro, en ofrecela unha oportunidade de traballo a curto ou medio prazo. Garantir a calidade do emprego, a correcta protección dos seus dereitos e o benestar son tamén retos das distintas administracións que desde a Xunta parecen ter esquecidos”- conclúen desde o PPdeG

















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



