Os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas na provincia de Lugo, postos en marcha coa subvención da Deputación de Lugo, continúan a súa andaina pola Mariña. Este 10 de setembro realizouse un taller no Salón Multiusos do Concello de Viveiro e o próximo xoves 17 ás 19:00 horas terá lugar outro no Salón de Plenos do Concello de Burela, ambos os dous impartidos por Carmen Abuín
A Mariña, 14 de setembro, 2026. O vindeiro xoves 17 de setembro vai celebrarse, a partir das 19:00 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela (Rúa de Eijo Garay, 20). A poboación desta localidade poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas. A asistencia ao acto é libre e gratuíta.
O taller de Burela será unha parada máis na Mariña desta experiencia que leva a loita contra a desinformación a unha vintena de localidades lucenses. Precisamente, na tarde do pasado xoves 10 realizouse no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro, tamén na mesma comarca, outro obradoiro no que a poboación desta localidade puido desfrutar dunha formación dirixida a fornecer de ferramentas e estratexias para distinguir a verdadeira información das noticias falsas e converterse nun actor máis da loita contra estas últimas e o dano que fan na nosa sociedade.
Ambos os dous obradoiros están a cargo pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas. Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



