O grupo municipal propón priorizar a construción dun novo aparcadoiro regulado, revisar o número de pases nas épocas de maior afluencia e evitar futuros macroeventos no entorno do areal. Os obxectivos son ordenar o recurso, protexer o Monumento Natural e facer que beneficie ao conxunto da veciñanza de Ribadeo
Ribadeo, 25 de setembro, 2026. O BNG de Ribadeo presenta ao Pleno da semana próxima unha moción que propón a posta en marcha efectiva do Plan Especial de Protección das Catedrais, aprobado no ano 2020 e que, desde o ano 2023, continúa paralizado sen desenvolver as actuacións necesarias para ordenar adecuadamente este espazo.
Desde o BNG consideran que a elevada afluencia de visitantes, especialmente durante a temporada alta, está a provocar unha crecente presión sobre a contorna das Catedrais, con problemas derivados do tráfico, do estacionamento e da concentración de persoas nun espazo natural especialmente sensible. “Non podemos seguir xestionando As Catedrais desde a improvisación”, sinala o portavoz do BNG de Ribadeo, Martín Graña. “Temos un Plan Especial aprobado desde hai anos e o que falta é poñelo en marcha, ordenar o recurso e dotar o Monumento Natural das infraestruturas necesarias para protexelo”.
O BNG considera que a creación dun novo aparcadoiro público regulado e de pago debe ser unha das primeiras actuacións a impulsar dentro do Plan Especial, tendo en conta que os terreos xa foron expropiados polo anterior goberno do Bloque. Para a formación nacionalista, esta infraestrutura permitiría ordenar o estacionamento, reducir a presión sobre a contorna máis inmediata e avanzar cara a un modelo no que quen utiliza este recurso turístico contribúa tamén á súa xestión. “As Catedrais non poden ser simplemente un lugar ao que cada vez chegan máis visitantes sen que Ribadeo dispoña dos medios para xestionar esa afluencia”, explica Graña. “O aparcadoiro debe servir para ordenar, pero tamén para que este recurso xere recursos económicos que poidan reverter no propio Concello”.
Neste sentido, o BNG defende que os ingresos municipais derivados da regulación do estacionamento poidan contribuír ao financiamento da conservación e mellora das Catedrais, así como doutras actuacións e servizos públicos de interese xeral para o conxunto da veciñanza. “As Catedrais son un recurso de todos e para todos e para iso se aprobou, precisamente, o plan especial no seu momento. Non queremos que Ribadeo se limite a soportar a presión turística: queremos que ese recurso estea ordenado, protexido e que xere beneficios para o conxunto do concello”, afirma o portavoz nacionalista.
A moción tamén pon sobre a mesa repensar o número de pases que se conceden nas épocas de maior afluencia, co obxectivo de adaptar a presión de visitantes á capacidade real do espazo e garantir a protección do Monumento Natural. “Se sabemos que As Catedrais é un espazo especialmente sensible, temos que actuar en consecuencia”, sinala Graña. “Non ten sentido defender a conservación do Monumento Natural e, ao mesmo tempo, permitir que se organicen macroeventos que incrementan aínda máis a presión sobre a súa contorna ou que acceda un número tan elevado de persoas que acabe por saturar a praia”. Por este motivo, o BNG propón tamén que se evite a organización futura de macroeventos no entorno do Monumento Natural, priorizando sempre a súa conservación e unha xestión turística compatible coa protección do espazo analizando se é necesario modificar o número de pases diarios de acceso que se conceden.
A proposta reclama igualmente que o Concello inicie contactos e negociacións coa Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Administración Xeral do Estado e demais administracións competentes para conseguir a súa participación técnica e orzamentaria no desenvolvemento das actuacións previstas no Plan Especial. “As Catedrais son un recurso de dimensión supramunicipal e a súa xestión non pode recaer exclusivamente sobre o Concello de Ribadeo”, apunta Graña. “Precisamos que as distintas administracións se impliquen e acheguen recursos para facer realidade as actuacións que leva anos contemplando o Plan Especial”.
O BNG resume así a súa proposta: poñer en marcha o Plan Especial, ordenar os usos, protexer o Monumento Natural, conseguir financiamento doutras administracións e facer que As Catedrais tamén xeren recursos e beneficios públicos para o conxunto de Ribadeo.






















Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



