Nota de prensa
Colectivos culturais da Mariña, amigos e xentes da cultura lembran a Moreda no primeiro aniversario da súa morte.
O cemiterio de San Miguel de Reinante acolle o Sábado 5 de Febreiro un cabodano-homenaxe a Antón Moreda Rodríguez.
O Sábado 5 de Febreiro ás 13:00 h o cemiterio de San Miguel de Reinante vai acoller o primeiro cabodano civil de Antón Moreda Rodríguez, coñecido entre os seus veciños como Toñito de Dona Amadora, morto o 4 de febreiro de 2010.
O Colectivo Cultural Ollomao que xa organizou en vida de Moreda, concretamente en 2007, unha Homenaxe a Antón Moreda quere aproveitar esta efeméride para lembrar ao noso conveciño nun acto no que participarán o escritor Lois Diéguez, o compañeiro e amigo de Moreda no Consello da Mocedade, Bautista Álvarez e a Presidenta do colectivo organizador Ana Ermida. O cabodano de Moreda contará coa actuación musical do violinista bielorruso Vadim Yukhnevich, a arpista Nuria de León e do grupo de música de San Miguel “Tumba e Dalle”. Asemade aproveitarase o acto para colocar no nicho de Moreda unha placa que lembre o lugar onde está enterrado.
Segundo afirmou Ana Ermida “este acto é ao mesmo tempo un cabodano e unha homenaxe. Fai un ano enterrabamos civilmente por expreso desexo do finado a quen fora o noso conveciño Antón Moreda, Toñito de Dona Amadora, para todas as xentes de Barreiros e da Mariña, polo que o 5 de febreiro queremos darlle o dereito ao recordo que a nosa cultura lle reserva aos seus mortos. Pero tamén ao mesmo tempo é unha homenaxe, homenaxe a quen fora dirixente das Mocedade Galeguistas en Bos Aires con Neira Vilas ou Carlos Abraira,homenaxe ao que fora Secretario da Irmandade Galega con Alonso Ríos e co seu grande amigo Luís Seoane que o convertera en colaborador habitual da súa revista Galicia Emigrante. Homenaxe ao fin e ao cabo, a quen xa de volta na terra foi o primeiro e último secretario xeral do Consello da Mocedade, alicerce do que sería despois o nacionalismo contemporáneo e o movemento cultural galego”.
HOMENAXE CONXUNTA DOS COLECTIVOS CULTURAIS MARIÑÁNS
A presidenta de Ollomao, que indicou que deste acto participan diferentes asociacións da Comarca, como “Francisco Lanza, Pomba do Arco, Observatorio pola Igualdade, Arrincadeira,Mariña Patrimonio ou Buril, lembrou que “para os mariñaos Moreda non é só esa persoa case mítica tan presente na nosa literatura. Moreda non é só o protagonista real de “Retorno a Tagen Ata” como ten comentado o autor da mesma obra, e grande amigo seu Méndez Ferrín, nin só o protagonista de “Porta Blindada” de Margarita Ledo, ou aquela persoa presente en toda a nosa poesía dos últimos 40 anos, ben na palabra de María Xosé Queizán, de Manuel María, de Lois Diéguez, de Marica Campo, ou de Cordal por citar xentes de diferentes xeracións co tiveron presente. Moreda para os mariñaos é un veciño máis, un veciño a quen lle tocou vivir unha vida moi dura pero como el gustaba dicir coa súa humildade característica, nunca en primeira persoas porque se sabía parte dun proxecto colectivo, que fixo todo o que puido por Galiza”.
Ermida quixo destacar “o papel central que xogou Moreda no primeiro quinquenio dos anos sesenta na reorganización do nacionalismo na oposición política ao franquismo, onde é un fito o Consello da Mocedade, no que xa aparecen algunhas das persoas máis destacadas do nacionalismo nesa época e as seguintes como o propio Bautista Álvarez e onde participan mariñaos como Luis González Blasco ou Xosé Antonio Arxona; e tamén na dinamización da cultura galega: foi o primeiro comercial de Galaxia, se ben do propio Consello facían parte xente como Ferrín, Patiño, Manuel María, María Xosé Queizán ou Salvador Garcia Bodaño. ” Tampouco quixo esquecer Ermida “a vinculación de Moreda coa mocidade. O que non é de estrañar se temos en conta que durante o Congreso Galego da Emigración de 1956 a onde acudiron todas as personalidades do nacionalismo do exilio e da emigración, como Suárez Picallo, Velo Mosquera,Cababal ou Tobío, a persoa que fai o brinde en representación da mocidade o propio Moreda”.
Xa por último desde o Colectivo Ollomao e o resto de asociacións da Mariña que organizan este acto quíxose facer un chamado a participación dos veciños de San Miguel e do resto da Mariña a participar deste acto, desde cabodano homenaxe a Antón Moreda Rodríguez.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



