Nota de prensa
A concellería de Deportes impulsa por terceiro ano consecutivo un plan de ocio alternativo baseado nas competicións deportivas nas noites de verán
CERVO PON EN MARCHA O PROGRAMA NOITES ALTERNATIVAS CUNHA AMPLA OFERTA DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS PARA A XUVENTUDE
Fútbol sala 3×3, Baloncesto 3×3, Voleipraia e Fútbol-praia todos os martes, mércores e xoves entre as 22.00 e a 01.30 horas.
A participación é totalmente gratuíta e o desenvolvemento das actividades estará coordinado polo persoal técnico cualificado da empresa que xestiona as Escolas Deportivas Municipais.
Cervo, 12 de xuño de 2010.- Por terceiro ano consecutivo a mocidade cervense terá unha oferta de ocio alternativo mediante o deporte. O Concello de Cervo pon en marcha un ano máis o programa NOITES ALTERNATIVAS que se desenvolverá a partires do vindeiro día 19. Esta iniciativa ofrece un amplo abano de actividades como volei praia, baloncesto 3×3, fútbol praia ou fútbol sala 3×3.
O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, que deu a coñecer esta tarde o programa desta actividade, sinalou que non se trata unicamente da apertura de locais e instalacións fóra do horario habitual, “senón dun completo programa de actividades variadas, relacionadas co deporte, como proposta alternativa de ocio nesta época estival”
A partir de dez anos, os martes, mércores e xoves
O programa establece que nas distintas actividades poden participar rapaces con idades superiores aos 10 anos e sen idade límite, pois a organización prevé distintos enfrontamentos segundo a categoría dos inscritos.
As NOITES ALTERNATIVAS desenvolveranse nun horario de 22.00 a 01.30 horas os martes, mércores e xoves. As pistas ao aire libre da praza dos Campos de San Ciprián e do parque de Cervo serán as sedes dos partidos de Fútbol sala e Baloncesto na súas modalidades de 3×3, mentres que as competicións deportivas de praia desenvolveranse no areal do Torno, en San Ciprián.
Todas estas actividades son gratuítas polo que non terán que asumir ningún custe os participantes. Ademais o mecanismo de inscrición é moi flexible pois poderá facerse o día anterior do comezo de cada actividade.
O calendario de actividades abrirase en San Ciprián. A primeira das citas será a competición de volei-praia os días 19, 20 e 21 de xullo. Posteriormente (os días 26, 27 e 28 de xullo) terán lugar os partidos de fútbol-praia. Xa en agosto -os días 2, 3 e 4- celebraranse os partidos de fútbol sala 3×3 en San Ciprián e posteriormente tamén nesta vila os de baloncesto 3×3 (9, 10 e 11 de agosto).
As competicións en Cervo comezarán os días 17 e 18 de agosto coas partidos de baloncesto 3×3, mentres que os días 23, 24 e 25 de agosto desenvolverase a competición de fútbol sala 3×3.
Monitores especializados
Da organización destas actividades encargarase a empresa especializada IG-10 SPORTS S.L., actual concesionaria das Escolas Deportivas Municipais, o que garante a presencia de monitores cualificados para organizar e controlar o desenvolvemento das actividades. “As nais e pais dos participantes teñen a garantía de que os seus rapaces están en boas mans, practicando deporte nas noites de verán, e adquirindo polo tanto hábitos moi saudables” indicou o responsable de Deportes cervense.



















O alumnado de 2º curso das familias profesionais de Instalacións e Mantemento, Imaxe Persoal e Administración e Xestión remataron o curso e a súa formación en centros de traballo co que xa conseguiron a súa titulación como técnicos de grao medio ou grao superior para incorporarse ao mercado laboral. Desde o IES Perdouro, destácase o alto grao de empregabilidade destas ensinanzas e a importancia que para o ámbito laboral ten a incorporación destes profesionais, ao mesmo que lles trasladamos os parabéns pola súa recente titulación.
O festival terá lugar os próximos 1, 2, 3 e 4 de xullo na parroquia de Celeiro do concello costeiro, que volverá acoller este popular evento cultural centrado na música punk, metal e hardcore.
Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna ao monolito da Cadeira, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show, ou unha ruta turística. Ademais, houbo sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.



