Nota de prensa:
A Deputación crea o primeiro Consello Provincial de Cooperación de Galicia, no que os Concellos lle formularán as súas prioridades
– Díaz Valiño subliña que o novo órgano potenciará e mellorará a eficacia do traballo en rede que a institución provincial desenvolve coas entidades locais para aforrarlles custes, garantir servizos básicos, crear emprego e frear o despoboamento
– Neste foro permanente, que celebrará reunións ordinarias dúas veces ó ano, están representados os tres grupos políticos provinciais e os Alcaldes
– Na asemblea de constitución do Consello, os rexedores plantexaron xa á Deputación a necesidade de colaborar para conseguir prezos máis vantaxosos en servizos como a telefonía ou a compra de material para o acondicionamento de estradas
A Deputación de Lugo constituíu este xoves o Consello Provincial de Cooperación e Asistencia, o primeiro foro desta índole creado en Galicia, que servirá para potenciar e mellorar a eficacia do traballo en rede que a institución provincial desenvolve cos Concellos co obxectivo de aforrarlles custes, garantir a prestación de servizos básicos, crear emprego e frear o despoboamento que sofren, sobre todo no rural. Deste xeito, no novo órgano constituído hoxe, as entidades locais formularanlle á Deputación as súas prioridades e necesidades para determinar de maneira consensuada as actuacións a leva a cabo nos municipios. “Dámoslle voz ós Concellos nun foro permanente para que nos digan o que necesitan de nós, cales son as súas prioridades; así favorecemos a súa participación en pé de igualdade coa Deputación para acadar os fins públicos para os que ambas administración naceron, superando definitivamente ese vello principio de xerarquía segundo o que a Deputación estaba por riba dos municipios”, explicou o Deputado de Cooperación, Juan José Díaz Valiño.
Con esta “participación activa dos Concellos, avanzamos no noso obxectivo de converter á Deputación na maior Mancomunidade da provincia e favorecemos que o traballo en rede estea baseado na concertación de proxectos e servizos”, destacou Díaz Valiño, quen lembrou que, de feito, a máxima que aplicará a súa área é “máis concertación e menos subvención”. “Cremos que hai que reducir o gran espazo que ocupan as subvencións xa que están condicionadas na súa aplicación, son discontinuas no tempo e graciables na súa concesión”, argumentou o Deputado. Deste xeito, as achegas da Deputación estarán principalmente ligadas a outros tipos de cooperación: de tipo técnico, económico ou xurídico, entre outras.
No Consello estarán representados os tres grupos políticos provinciais e os Alcaldes. A entidades estará presidida polo xefe da Corporación, José Ramón Gómez Besteiro, e os vogais serán os seguintes:
O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño.
Un Deputado por cada un dos grupos políticos provinciais: José Ramón Val Alonso (PSOE); Mario Outeiro (BNG), e Manuel González Capón (PP).
Tres rexedores por cada un dos tres grupos políticos representados na Corporación provincial, elixidos polos propios partidos: José Luis Raposo (PSOE), Alcalde de Pedrafita; Juan Serrano (PP), mandatario local de Portomarín; e José Luis Maceda (BNG), rexedor de Portomarín.
Na xunta de constitución do foro celebrada hoxe, deputados e Alcaldes acordaron celebrar dúas reunións ó ano, unha en marzo e outra no mes de setembro, esta última para “escoitar as demandas e prioridades dos Concellos” antes de que o organismo provincial elabore os Orzamentos “co fin de incorporalas na medida do posible”, indicou Valiño. En canto ás reunións extraordinarias, engadiu, “convocaranse todas as que queiran os Alcaldes”.
Primeiras propostas
Nesta primeira asemblea, os rexedores fixeron xa as súas primeiras propostas, centradas fundamentalmente na necesidade de que Deputación e Concellos colaboren para conseguir prezos máis vantaxosos en certos servizos, como por exemplo o de telefonía ou a compra de material para o acondicionamento de estradas. Así mesmo, “mostráronse partidarios de que a Deputación traballe conxuntamente coas entidades locais, sen necesidade de constituír outras entidades supramunicipais como Mancomunidades, porque dispoñemos dos medios persoais e materiais necesarios”, afirmou o Deputado de Cooperación.
Máis asistencia técnica
A área de Cooperación e Asistencia aos Concellos ampliou neste mandato os servizos de asistencia técnica ós municipios ós ámbitos económico-financeiro e urbanístico, adiantándose deste xeito á demanda que os Concellos fixeron na asemblea de constitución da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) no senso de que os organismos provinciais deben ter un papel máis activo na prestación de axuda técnica.
Deste xeito, ademais de continuar coa asistencia xurídica e en recursos humanos, neste mandato máis persoal da Deputación estará a plena disposición dos Concellos co fin de ofrecer os seguintes novos servizos:
Asistencia en materia de urbanismo. A Deputación poñerá dende primeiros de ano a plena disposición dos Concellos un arquitecto para darlles apoio nun ámbito de importancia crucial para o desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio e no que, para moitas cuestións, os municipios non contan cos medios económicos nin técnicos suficientes. Como exemplos da axuda que poderán solicitar, Valiño apuntou a redacción de modificacións puntuais de normas subsidiarias ou de proxectos de delimitación de solo urbanos; a redacción de estudos de detalle e Plans Especiais de Protección e Reforma Interior (PEPRI) en terreos ou edificios de propiedade municipal; redacción de proxectos de ordenación e parcelación de terreos de propiedade municipal; ou a avaliación de terreos.
Asistencia en materia económica, de contabilidade e xestión orzamentaria. Nun contexto de máximo rigor económico, tamén se pon a disposición dos Concellos este servizo “que consideramos transcendental para o equilibrio e sustentabilidade das arcas municipais”. Deste xeito, as entidades locais poderán solicitar asistencia da Deputación para elaborar, por exemplo, un diagnóstico económico financeiro, plans de saneamento, plans económico financeiros, xestión de operacións de crédito, informes de subministro de servizos públicos para ver as ofertas máis vantaxosas.
Outras das novas liñas de actuacións é a medición de ruídos e vibracións, prestación da que se está a beneficiar Monforte de Lemos e que ten solicitado o Concello de Pantón. A Deputación aporta ós Concellos os medios técnicos e persoais necesarios para levar a cabo a inspección e control de ruídos e vibracións e cumprir deste xeito a normativa correspondente, aforrándolles custes ó evitarlles a contratación dunha empresa exterior.
Para aforrar custes ós Concellos e mellorar a súa eficacia, tamén está prevista a creación dunha biblioteca xurídica na segunda planta do Pazo de San Marcos, cuxos fondos se poñerán a disposición de todos os traballadores da Deputación e dos municipios. Ademais poñerase en marcha servizos en liña, ofrecendo a a posibilidade de facer consultas, solicitudes e xestións on line. Nesta senso, unha das medidas que se adoptarán será colgar os modelos de solicitude que os Concellos lle teñen que remitir á Deputación para pedirlle axudas ou proxectos, de maneira que poden facer este trámite dun xeito rápido e sinxelo.




















O alumnado de 2º curso das familias profesionais de Instalacións e Mantemento, Imaxe Persoal e Administración e Xestión remataron o curso e a súa formación en centros de traballo co que xa conseguiron a súa titulación como técnicos de grao medio ou grao superior para incorporarse ao mercado laboral. Desde o IES Perdouro, destácase o alto grao de empregabilidade destas ensinanzas e a importancia que para o ámbito laboral ten a incorporación destes profesionais, ao mesmo que lles trasladamos os parabéns pola súa recente titulación.
O festival terá lugar os próximos 1, 2, 3 e 4 de xullo na parroquia de Celeiro do concello costeiro, que volverá acoller este popular evento cultural centrado na música punk, metal e hardcore.
Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna ao monolito da Cadeira, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show, ou unha ruta turística. Ademais, houbo sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.



