Nots de prensa
PRETO DE 1.850 MOZOS E MOZAS PODERÁN PARTICIPAR ESTE ANO NAS ACTIVIDADES DA CAMPAÑA DE VERÁN NA PROVINCIA DE LUGO
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron hoxe as accións que se desenvolverán na provincia
Ofertaranse campamentos de verán, que inclúe intercambio con outras comunidades, oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior
Este programa conlevará a contratación de preto de 200 monitores e directores de tempo libre só na provincia de Lugo, segundo indicou Arias, que significou que na iniciativa inclúense instalacións xuvenís de Viveiro, Lugo, Ribadeo, Portomarín e Palas
Na provincia de Lugo haberá rutas en kaiak, escalada e actividades de acercamento á cultura náutica galega, como destacou Rodeiro, que fixo énfase en que o Executivo galego investirá preto de 2,4 millóns nesta campaña
Lugo, 8 de marzo de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar ofertará este verán na provincia de Lugo a 1.818 prazas para mozos e mozas de ata 35 anos entre os meses de xuño e setembro. Así o expuxeron hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na presentación en Lugo da campaña de verán para a provincia lucense.
En concreto, a campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado inclúe esta edición campamentos de verán, que conta con intercambios con outras comunidades autónomas; oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís do departamento autonómico; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo; e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.
Como novidades deste ano, o responsable da área autonómica destacou a unión por primeira vez dos participantes procedentes da emigración cos rapaces galegos nos campamentos e actividades para maiores de 18 anos. “O obxectivo é fomentar a convivencia intercultural e a aprendizaxe mutua”, apuntou. Ata o de agora só tomaban parte en actividades específicas para eles.
Campamentos de verán
Con respecto á oferta de campamentos de verán para menores de 18 anos, Xuventude sorteará na provincia 1.245 prazas repartidas en catro emprazamentos: no albergue xuvenil de Area (Viveiro), no campamento xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín), no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo) e no campamento Os Chacotes (Palas de Rei).
No caso de Lugo, estas actividades terán lugar nas ribeiras do Miño e doutros ríos, e dispoñen unha oferta baseada na realización de rotas en kaiak, circuítos de bicicleta de montaña, escalada en rocha e geocaching; e en Ribadeo, cunha oferta de achegamento á cultura de mar a través de clases de surf e outros deportes mariños.
“A través desta programación, os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos teñen a posibilidade de empregar o seu tempo libre durante as súas vacacións participando en actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo”, indicou Arias, que significou que a través do desenvolvemento destes programa xerase, só na provincia de Lugo, a contratación de máis de 200 postos de traballo entre monitores e especialistas en actividades ao aire libre.
Ademais resérvanse, xunto co resta da comunidade, outras 46 prazas para distintos colectivos como persoas con discapacidade, menores tutelados ou fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero
Toda esta oferta saíu o pasado luns publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os interesados terán posibilidade de anotarse ata o próximo 20 de marzo. O sorteo das prazas realizarase o 18 de abril ante notario.
Oferta concertada
Así mesmo, a campaña de verán de Xuventude inclúen unha oferta de prazas concertadas que suman este ano en Lugo un total de 445 prazas distribuídas en cinco quendas nos seguintes tres emprazamentos: albergue xuvenil de Area (Viveiro), campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo) e no albergue xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín).
En concreto, ofrécese o uso dos albergues xuvenís ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, ao Consello da Xuventude de Galicia e aos consellos locais e municipais de xuventude, así como ás corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade. Tamén poderán formar parte desta oferta concertada os grupos de mozos e mozas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.
O período para poder usar estas instalacións será entre o 15 de xuño e o 30 de setembro. Esta oferta tamén saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado luns.
Maiores de 18 anos
Por outra banda, as actividades para maiores de 18 anos inclúen unha programación dirixida a mozos e mozas galegos con idades comprendidas entre os 18 e 35 anos. Poranse á súa disposición un total de 128 prazas para participar nas rutas en kaiak tanto no río como no mar e en embarcacións de mar e, así mesmo, tamén poderán disfrutar de actividades de escalada e ‘xeocaching’.
O director xeral de Xuventude explicou que, neste caso, os participantes serán protagonistas de distintos percorridos polo Miño, no caso dos beneficiarios deste programa que estén ubicados no albergue LUG-II (Lugo) e polo estuario do Eo, onde poderán disfrutar do coñecendo dos seus recursos e a vida diaria dos seus habitantes no caso dos mozos e mozas que estean aloxados no albergue da Devesa (Ribadeo).
“O obxectivo deste plan é ofrecer á mocidade unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre. Preténdese darlles a coñecer o territorio galego, fomentar o intercambio e espertar un interese polo desenvolvemento sostible e o uso eficiente e responsable dos recursos”, indicou o director xeral. Os interesados poden reservar a súa praza a partires de hoxe, rematando o prazo cando se esgoten as prazas.
Campos de traballo
A cuarta modalidade que forma parte da campaña de verán de Xuventude son os campos de traballo, actividades encamiñadas a fomentar a convivencia a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países. A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos ou culturais.
A Consellería de Traballo e Benestar porá a disposición dos mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior un total de 260 prazas, distribuídas en quendas de 11 ou 15 días de duración. Espérase que a convocatoria saia publicada na web de Xuventude no mes de abril.
Os mozos e mozas galegos, ademais, poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español (100 prazas) e no estranxeiro (96 prazas).
Emigrantes galegos
Por último, a campaña de verán contempla actividades para os mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior. Así, en colaboración coa Secretaria Xeral de Emigración ofertaranse 240 prazas distribuídas en varios programas de actividades que fomentarán o contacto e as relacións cos mozos e mozas galegos. Haberá ata cinco programas con temáticas diferentes e vinculadas por exemplo aos deportes náuticos e de multiaventura na natureza. Na provincia de Lugo destaca neste programa o campamento Galicia Verde e Azul, que oferta no campamento Os Chacotes (Palas de Rei) 100 prazas, 60 das cales están reservadas para galegos e descendentes de galegos procedentes do exterior.
En toda Galicia
Por último, Rodeiro resaltou que en toda Galicia ofertaranse máis de 8.000 prazas na campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar. Apuntou que o investimento da Xunta nesta programación ascenderá a preto de 2,4 millóns de euros e subliñou que a posta en marcha deste programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre. “En definitiva, o que a Consellería de Traballo e Benestar pretende con esta campaña é favorecer a participación dos mozos e mozas galegos en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e tempo libre”, concluíu.



















Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



