O BNG ASEGURA QUE O CONCELLO DE BARREIROS SUBE OS IMPOSTOS ÁS VECIÑAS E VECIÑOS PARA PAGAR OS GASTOS FINANCEIROS DUN CRÉDITO DE MÁIS DE 2.400.000 EUROS. OS NACIONALISTAS ADVIRTEN QUE AS INVERSIÓNS NOS VINDEIROS 10 ANOS REDUCIRÁNSE AO MÍNIMO PARA FACER FRONTE AOS GASTOS DESTE PRÉSTAMO.
Barreiros, 11 de maio de 2012. O pleno do Concello de Barreiros aprobou, cos votos en contra do BNG, a solicitude dun préstamo ICO de máis de 2.400.000 euros para facer fronte ao pago a provedores. Os nacionalistas advirten que os investimentos nos vindeiros dez anos reduciránse ao mínimo para facer fronte aos gastos deste préstamo.
O BNG explica que o seu voto en contra “vén determinado porque o endebedamento do Concello de Barreiros é consecuencia da mala xestión municipal do diñeiro público e non da situación xeral de crise, como pretenden xustificar”. Os nacionalistas inciden en que “durante os anos 2006 e 2007 se ingresaron moitos cartos neste Concello, cartos que non se viron reflectidos en inversións nin en melloras para as e os barreirenses. Pero é que ademais, o propio plan de axuste di que as inversións no Concello de Barreiros van quedar moi reducidas para, deste xeito, poder facer fronte aos gastos financeiros da operación de crédito”. Desde o Bloque Nacionalista Galego explican que “o goberno municipal está subindo taxas e impostos ás veciñas e aos veciños exclusivamente para pagarlle aos bancos, sen que o diñeiro de todas e todos se invirta no ben común das e dos barreirenses”.
Ademais, desde o BNG de Barreiros resaltan que “este crédito é consecuencia dun plan de axuste aprobado en solitario polo Partido Popular, furtando o debate do mesmo ao convocar o pleno no que se aprobou para o pasado 29 de marzo, xornada de Folga Xeral. Parece que ao Partido Popular non lle gusta contrastar un plan que hipotecará o futuro de Barreiros, como mínimo, para os vindeiros 10 anos. E pecha o tema en dous plenos convocados de urxencia: un deles sen oposición, o pasado 29 de marzo, e outro de escasos vinte minutos”.
Para o BNG “o plan de axuste, e o crédito que del se deriva, só serve para tapar a nefasta xestión municipal dos últimos anos e para que fagan negocio as entidades bancarias, xa que o Banco Central Europeo déixalle o diñeiro aos bancos ao 1% e os bancos aos concellos a máis do 5%. Tamén serve este plan para salvar ás grandes empresas, como as eléctricas, que son as grandes acredoras das entidades locais, xa que as débedas de pequenos provedores non acadarían esas cifras en ningún caso”.