ANTONIO VEIGA PRESENTOU HOXE EN RIBADEO A IV EDICIÓN DO PROGRAMA TEATRAL BUXIGANGA
O vicepresidente da Deputación explicou que “na Mariña teremos 24 representacións a cargo de diferentes grupos da provincia mentres que os grupos de teatro da nosa comarca terán 19 representacións levando o seu teatro de norte a sur”
O vindeiro venres 18, os sete grupos participantes da Mariña representarán fragmentos das súas obras en distintos espazos da vila
Ribadeo, 15 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, na mañá de hoxe na Casa do Concello de Ribadeo, a cuarta edición do programa teatral “Buxiganga”, que pon en marcha a Área de Cultura, e que pretende apoiar aos grupos de teatro afeccionado, apoiar aos concellos e ao tecido asociativo á hora de deseñar os seus programas en materia cultural e “facer que o teatro e a cultura chegue a todos os recunchos da provincia”, segundo apuntou Antonio Veiga. No acto de presentación tamén estivo o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez.
Antonio Veiga fixo fincapé no auxe que está gañando ano tras ano este programa: “No ano 2009 foran 12 grupos de teatro afeccionado os que participaran en toda a provincia , e o pechar 2011 foron 22 colectivos, ou sexa que durante estes anos se contribuíu a fomentar o asociacionismo, así como a afección o teatro, e difundilo e divulgalo a través dos concellos”. “Neste 2012, os circuítos levarán o teatro afeccionado a 62 concellos e asociacións de toda a provincia. En concreto, na Mariña teremos 24 representacións a cargo de diferentes grupos da provincia mentres que os grupos de teatro da nosa comarca terán 19 representacións levando o seu teatro de norte a sur”, puntualizou Veiga.
O vindeiro venres 18 de maio, presentaranse nas rúas de Ribadeo os circuítos Buxiganga. Deste xeito, os sete grupos de teatro da Mariña participantes: A Adala, de Fazouro; Ardora, de San Cibrao; Axóuxeres e O Batán, de Foz; O Bordelo, de Cervo; Raiolas, de Alfoz; e o Grupo de Teatro de Ribadeo, levarán fragmentos das súas representacións a diferentes espazos da vila, coa intención de que o público disfrute do teatro afeccionado. O acto comezará as 19:00 horas na Praza do Cantón, pero en caso de choiva as representacións terán lugar no Auditorio Hernán Naval.
O vicepresidente da Deputación insistiu en que “adaptándonos aos tempos de crise, nós seguimos apostando polo Buxiganga, porque, como di o dramaturgo Arthur Miller ‘o teatro non pode desaparecer porque é a única arte onde a humanidade se enfronta a si mesma”; fai falta moito teatro, fai falta moita arte nestes tempos que estamos a vivir para formar espírito crítico na sociedade e nos colectivos que traballan no eido da cultura”.
Unha das novidades desta edición é que, ademais dos concellos, tamén poderán solicitar representacións teatrais dos circuítos Buxiganga asociacións culturais e veciñais que así o desexen. Outra das novidades é que os concellos e asociacións “terán que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poderán financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, e a Área de Cultura da Deputación financiaría o 80% restante”, puntualizou Veiga, ó que engadiu que “esta forma de financiamento implántase coa idea de buscar unha maior colaboración, así como un mellor funcionamento do programa”.
O caché dos grupos de teatro afeccionado manteríanse idénticos aos do ano pasado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarían 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarían 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros.
O acto de presentación dos Circuítos Buxiganga, servirá tamén para presentar o Grupo de Teatro de Ribadeo, un novo colectivo da vila, saído do concello e dirixido por Antonio Deaño, que particirá no circuíto representando a obra Lisístrata, unha adaptación da obra de Aristófanes.
Dentro dos Circuítos Buxiganga, o Grupo de Teatro de Ribadeo representará esta obra o 20 de outubro no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o 10 de novembro no Centro Sociocultural da Asociación Arrincadeira de Riotorto, e o 24 de novembro no local da Asociación Irmandades de San Caetano, en Celeiro de Mariñaos.
Ademais, o concello de Ribadeo tamén programará Buxiganga neste 2012 tendo dúas representacións. A primeira delas terá lugar o 28 de outubro en Rinlo, onde o grupo Metátase, de Palas de Rei, representará a peza Bolboretas; e a segunda terá lugar o 11 de novembro en Ribadeo, onde o grupo Os Palimoquiños poñerá en escena a obra Os Miserables.


















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.



