O EQUIPO DE GOBERNO XA TEN LISTO O EXPEDENTE PARA SOLICITARLLE A FOMENTO A TRANSFERENCIA DA VÍA DE SERVIZO DA ACTUAL VARIANTE ENTRE A RAQUETA DO HOSPITAL E A ZONA DE O TORNO. E ESTUDIA DEMANDAR TAMÉN A DO TREITO COMPRENDIDO ENTRE AREOURA E O CENTRO SANITARIO.
Burela, 15 de maio de 2012. O equipo de goberno xa ten preparado o expedente para solicitarlle ao Ministerio de Fomento a transferencia da vía de servizo da actual variante desde a raqueta do Hospital da Costa ata a zona de O Torno. As conversas entre ambas administracións xa se iniciaron hai meses.
O alcalde, José María González Barcia, explicou que “se trata dun vial moi empregado pola poboación de Burela”. O rexedor dixo que “o estado dese treito da vía de servizo é bastante bó e é importante que sexa da nosa competencia ou titularidade de cara ao desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Barcia lembrou que as conversas coa Demarcación de Estradas en Lugo e na Coruña deron comezo hai algúns meses nas xuntanzas mantidas entre o Concello e o administración estatal sobre o PXOM. Este asunto, a solicitude de transferencia do devandito tramo, será un dos asuntos que se aborden no pleno da Corporación Municipal do presente mes de maio.
O equipo de goberno analiza tamén a posibilidade de demandar a transferencia da vía de servizo da actual variante no treito comprendido entre Areoura e a raqueta do hospital. O rexedor indicou que “neste caso o estado do seu firme é francamente mellorable. Teremos que estudiar co Ministerio de Fomento as condicións da transferencia desta vía”.