O CONCELLO SEGUIRÁ MANTENDO O SERVIZO DE COIDADORAS DOS COMEDORES AO QUE DESTINA 43.000 EUROS ANUAIS.
Burela, 16 de maio de 2012. O alcalde, José María González Barcia, asegura que en setembro os comedores dos dous CEIP de Burela funcionarán con total normalidade. Para o inicio de curso xa estará contratado o servizo de coidadoras dos comedores. O que se analiza e se estudia agora é a fórmula que se empregará, tal e como lles comentou esta tarde o rexedor ás 9 persoas que realizan este traballo durante o curso 2011/2012.
González Barcia, que estivo acompañado durante a xuntanza polas concelleiras de Educación e Servizos Sociais, Mónica Pedre e Diana Durán, sinala que “a reunión desta tarde coas coidadoras foi moi positiva e cordial. Elas entenderon perfectamente a nosa mensaxe. Imos garantir os 9 postos de traballo ás nove persoas que os ocupan na actualidade e tamén a masa salarial”.
O equipo de goberno loita por manter un servizo no que non ten competencias. O rexedor dixo que “se trata de arbitrar as fórmulas para garantir o funcionamento dos comedores escolares nos dous CEIP e para garantir os postos de traballo e as súas retribucións salariais”. O custe anual que ten para o Concello de Burela o servizo de coidadoras do comedor é de 43.000 euros.