O vindeiro mércores, día 11 de xullo, ás 20,30 horas vai ter lugar na librería BAHIA de Foz a presentación do libro O NAUFRAGO de Xosé Antonio Pet Posse. Nos confíns da Costa da Morte rexistráronse ó longo do século XIX naufraxios arrepiantes cuxos pormenores foron recollidos por cronistas locais e polos xornalistas daquela época. Despois un silencio de ultratumba, como unha lousa, condenounos ó esquecemento. O NAUFRAGO é a historia de Jhon Mac Barbour, un mozo escocés, tripulante do City of Agra, buque que se esnaquizou nos baixos de Canesudo (Arou-Camelle) o 3 de febreiro de 1897. É ademais, a crónica dunha época na que as xentes dos confíns da Terra arrastraban o fastío dos días entre penurias e supersticións. Xosé Antonio Pet Posse é natural de Ponteceso, a patria de Pondal. Escritor en galego e castelán é autor, entre outros, dos libros Portocco en el fin del mundo, Las gamelas de Fornelos, La taberna de Begantiños, Contos e Lembranzas, etc. Colabora ademais en diversas publicacións periódicas.























Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



