MANIFESTO DO OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
O machismo segue a matar. Así de claro e así de triste. Máis de 40 mulleres asasinadas no que vai de ano. E isto é só a punta do iceberg, o visible, dunha lacra social que en pleno século XXI aínda teñen que padecer as mulleres.
A violencia machista basease na desigualdade existente entre homes e mulleres. Na cultura patriarcal e misóxina na que nos criamos xa desde pequenas e pequenos. Nos roles e estereotipos que, dende o momento do nacemento, nos van marcando os diferentes camiños a seguir, tanto a uns como a outras. E o problema non son esas diferenzas. O problema está na xerarquización, no machismo, nesa “ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller” (Dicionario da Real Academia Galega).
O feminismo, superando os tópicos e deformacións que desde o aparato de propaganda ideolóxica e mediática se verten contra el, converteuse nunha ferramenta esencial e especialmente creativa e anovadora dentro do campo das loitas que buscan a transformación desta realidade inxusta. A pesar de que ao longo da historia a violencia contra as mulleres estivo invisibilizada, actualmente, e grazas ás accións do movemento feminista, é recoñecida socialmente e considerada como un grave problema. Pero para moitas persoas esta violencia circunscríbese ás mortes, á violencia física grave e ás agresións sexuais e non recoñecen como tal outros tipos de violencia máis sutís como a violencia psicolóxica, a económica, o acoso sexual no traballo, a imposición de roles e comportamentos, a reclusión no mundo doméstico, ou a violencia simbólica que os medios de comunicación exercen coa imaxe que transmiten das mulleres.
É por iso que, dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade, queremos concienciar e chamar a sensibilización xa que a violencia machista é un problema social e polo tanto de todas e todos. O rexeitamento da violencia dende calquera forma de expresión é necesario e moi importante. E non só o 25 de novembro, senón todo o ano!
Non podemos ficar impunes ante os retrocesos que estamos a vivir e que nos venden como necesarios. Comezamos coa lei de familia aprobada no goberno galego – e tachada de regresiva e patriarcal polo Consello Económico e Social -, que recupera o rol tradicional para as mulleres relegándoas ao ámbito doméstico. Seguimos coa reforma da lei do aborto que, de aprobarse, nos levará de novo 30 anos atrás. E esta semana sorpréndennos coa nova lei de taxas xudiciais, coa que voltaremos de novo a unha xustiza que só se poderán permitir os ricos e pola que, seguramente, moitas mulleres o pensen dúas veces antes de interpoñer unha demanda de divorcio ou unha demanda por acoso por razón de sexo na empresa. Por non falar da última idea do goberno do Estado español, que pretende eliminar do Código Penal o concepto de violencia de xénero, tipos penais como a falta de vexación inxusta e rebaixar a carga punitiva naqueles delitos relacionados co terrorismo machista.
Pero hai máis medidas que afectan indirectamente sobre as mulleres. Respecto á lei de dependencia, desde setembro suprimiuse a cobertura social ás persoas coidadoras – maioría delas mulleres – de dependentes e se lles reduciu nun 15% a paga percibida. Ou na educación, coa supresión do programa prescolar na casa, o déficit de prazas nas escolas infantís públicas ou o aumento nun 45% do custe das prazas nas mesmas. Indirectamente, todas estas medidas relegan de novo ás mulleres ao ámbito de fogar para facerse cargo dos máis pequen@s ao non ter dispoñibles estes servizos públicos básicos e non poderse permitir pagar a unha terceira persoa.
Seguir con estas políticas regresivas é violencia contra as mulleres!. O Informe sobre Desenvolvemento Mundial 2012 do Banco Mundial vén de avalar e ratificar que apostar pola igualdade de xénero aumenta un 26% a produtividade económica dos países. Que non nos enganen!
Dende o feminismo, seguiremos a loitar contra o machismo. Porque queremos vivir nun mundo no que a igualdade real (que non formal) entre homes e mulleres sexa unha realidade. Porque vivir sen violencia é un dereito!






















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



