DE POLITICOS E DE CHEIROS
*
Nos pobos danse de cando en vez episodios que reflicten actitudes e actuaccións sorprendentes, insólitas, e mesmo contradictorias, protagonizadas sobre todo por esa clase política sen prestixio que padecemos, dín as enquisas, e que á vista dos feitos difícilmente pode ser doutra maneira. O tema que agora ocupa ós focegos é o referido a algo que pode ser traumático para o futuro dun pobo que leva por divisa a condición de turístico e residencial, faceta que hoxendía constitue a súa primeira actividade e mesmo a razón de existir: estamos a falar do polémico tratamento da depuradora, sobre o que este cronista tense pronunciado, sen paliativos nen concesións a posibles vai-vens dos que endexamais participou. É éste tema vello, vixente dende hai unha ducia de anos en que os entón gobernantes, en lamentable alarde de barbarie, defenderon, e consumaron, unha instalación rexeitada por moitos cidadáns que advertían dos perigos, dos efectos nocivos, logo confirmados, e que, alguns dos defensores da desfeita, que negaban toda posibilidade de perxuizos para o desenvolvemento da vida cidadá, queren perpetuar, cando o procedente, o honesto, sería que pediran perdón á veciñanza polo insulto que significou o cheiro que a obrigaron a soportar. En artigo que publicamos o 21 de setembro de 2001, decíamos: :”Ninguén dubida da necesidade da actuación, pero a evidencia obriga a ser cautos e reflexivos e non permitir que tal feito deixe secuelas nefastas para o futuro de Foz. A beiramar é o maior atractivo destes pobos. E dende hai moitos anos a nosa ven sendo masacrada e polo tanto devaluada a que é materia prima na que se asenta a oferta dos nosos atractivos. Non é facil entender cómo o trebello, co risco permanente de danar aquela paraxe e o seu entorno (e qué entorno!), se ubique en lugar de privilexio cando compre a mesma función en calquera outro”. É éste un plantexamento que doce anos despois mantemos íntegro ou, se cabe, con maior énfase, trala experiencia vivida, inevitable por outra parte, pois non cremos que exista máquina da que alguen poda asegurar que nunca fallará o seu correcto funcionamento e que polo tanto nunca se darán as secuelas de todos coñecidas; aseverar tal é pura utopía, e non poden tomarse decisións baseadas en presupostos utópicos, irreais, como algúns que se escoitan: dar por boa a falsa premisa podería provocar incidentes de incalculables e dramáticas consecuencias e nós entendemos que non existe aforro posible que poda siquera compensar a posibilidade, aínda que sexa remota, de que no escenario ó que aludimos (ría e porto), se produzan algúns deses incidentes. Un ten que recoñecer, e o fai con toda sinceridade, o menguado da súa intelixencia porque, por voltas que da ó asunto, non é quen de entender cómo en pleno século XXI, persoas nos seus cabales, defendan a permanencia da depuradora en lugar tan carismático e tan sensible ás agresións medioambientais, tan negativas para a imaxe e o benestar, no corazón mesmo dun porto integrado no centro vilego, en cuxo espacio teñen lugar os mercados semanais, as festas de verán, eventos gastronómicos, concertos musicais, espectáculos folclóricos, feira do libro, lugar de expansión de vellos e de nenos nos xardíns Conde de Fontao, nas terrazas das cafeterías e dos deportes: piraugas, vela, natación ; que perfuma as instalacións da piscina alí ubicada, contemplan os noxentos verquidos á ría e mesmo recibe con tales cheirumes as autocaravanas que se apousan naquela explanada….e un dos itinerarios preferidos para a camiñada de indíxenas e foráneos que aquí acougan para disfrutar dunhas fermosas paisaxes, dunha natureza incontaminada. Resúltanos incrible, por demencial. Efectos nocivos que no caso da permanencia e aínda ampliación(¡!) incidirían, con maior virulencia, non só nos veciños, que sería abondo, senon nas persoas que se acerquen a nós: visitantes, turistas, veraneantes e demais ós que afastaríamos cos cheiros multiplicados ó ser maior a envergadura do proceso e polo tanto tamén a incidencia na causa/ efecto,…E entón sí que poderíamos pechar o chiringuito.
Estamos ante un dilema que mesmo pode ser decisivo para o mañán do pobo e os focegos/as temos a obriga moral de estar a altura das circnstancias, valorando, dende a responsabilidade, obxetiva e razonadamente, a posible transcendencia da mesma.
Lector/a amigo /a: non te deixes embaucar, pensa por ti mesmo/a, sen interferencias alleas e defende o que a razón, dende a túa autonomía personal e honestidade, e os teus sentimentos de focega/o, nativo/a ou achegado/a, libre de ataduras e servilismos, che dicten. Sé ti; seguro que vas acertar.
O esforzo merece moito a pena.
*Suso Fernández
Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Foz




















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



