A obrigatoriedade de asinar os contratos pode marcar un novo escenario nas relacións entre produtores e produtoras por un lado e industria por outro.
Lugo, 7 de febreiro de 2013. Hoxe ás 12:30 celebrouse na Casa da Cultura de A Pontenova unha asemblea aberta onde se debateu sobre o cambio que pode supoñer no sector leiteiro galego a obrigatoriedade de asinar contratos entre os produtores e produtoras de leite e a industria. Temos que lembrar que desde outubro de 2012 existe unha normativa que establece que todos os subministros de leite cru deben estar cubertos por un contrato escrito.
Na xuntanza, á que asistiron numerosos gandeiros e gandeiras, analizouse a situación actual e de como pode repercutir nas relacións entre sector e produtor, cuestión que xera unha importante demanda de información no sector, dada pouca información ao respecto que se aporta desde a propia Xunta de Galiza.
Desde FRUGA pensamos que estes contratos, para que cumpran a función que deles cabe esperar, deben ir ligados a un observatorio de prezos que teña como referentes os custos de produción e unha verdadeira capacidade de negociación por parte dos produtores e produtoras.