O goberno municipal de Foz continuará a vindeira semana co ciclo de reunións cos veciños das parroquias para coñecer as necesidades e problemas que hai en cada unha delas.
A seguinte xuntanza será en Cordido o vindeiro martes, día 4 de xuño, ás oito da tarde. Celebrarase no local da asociación de veciños, que é a antiga escola, e asistirán o alcalde, Javier Jorge Castiñeira; o concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo; e o presidente do colectivo veciñal de Cordido.
Ao día seguinte, o mércores día 5, o rexedor municipal focense e o concelleiro de Cultura estarán no teleclube de San Martiño xunto co presidente da asociación de veciños. A reunión será tamén ás oito da tarde.
A terceira xuntanza prevista para a semana próxima será o venres 7 no centro social A Saira para os veciños da parroquia de Nois. Ao igual que as anteriores será ás oito da tarde e estarán o alcalde, o concelleiro de Cultura e o presidente do colectivo veciñal.