Baixo o título: A SANIDADE NON É UN AGASALLO PARA DARLLE ÁS PRIVADAS, A SANIDADE TÉN QUE XESTIONARSE DESDE A PÚBLICA; os sindicatos chamaron á mobilización do sector para defender a sanidade pública.
Ademais, apoian o seguinte manifesto:
Os procesos de privatización da sanidade pública véñense desenvolvendo de xeito lento pero continuado desde os anos 90, seguindo as pautas marcadas polo informe “Abril” que establecía unha serie de medidas destinadas a converter a sanidade pública nun mercado.
Agora o goberno do PP coa escusa do aforro do gasto público acelera esta liña privatizadora, impondo máis medidas de privatización na sanidade pública. Medidas que non se xustifican nin por razóns económicas, nin por razóns de eficacia na xestión. Os estudos independentes apuntan á inexistencia de aforro nas privatizacións e ao perigo do incremento dos custes. Non podemos esquecer que na xestión privada o prezo ten que incluír o beneficio empresarial: maior custe e menor calidade.
No referente á eficacia na xestión, si hai experiencias contrastadas no ámbito do SERGAS para poder afirmar que coa xestión pública directa se presta un mellor servizo: servizos privatizados tiveron que ser rescatados pola Administración Pública asumindo a débeda privada.
Ademais disto coas privatizacións baléiranse de funcións as/os traballadoras/es do SERGAS, o seu traballo pasa a ser desenvolvido polas/os traballadoras/es das empresas subcontratadas. A Administración paga dous salarios polo mesmo traballo.
Tampouco podemos esquecer os controis de calidade, coas privatizacións a Administración delega o control de calidade dos servizos públicos nas empresas adxudicatarias da privatización. Estamos seguros de que eses controis son independentes e exhaustivos?
Estas medidas de privatización afectan a todo o persoal da sanidade, ningunha/un traballadora/or pode pensar que isto non vai con ela/el; se non o impedimos, esta marea de privatizacións acabará por afogarnos a todas/os.
Lembrades cando as rebaixas salariais eran cousa das/os traballadoras/es das empresas privadas? Agora, cantos cartos nos levan roubado esas mesmas empresas?
Por todo isto todas/os as/os traballadoras/es da sanidade publica temos que rexeitar a privatización dos servizos, empezaron polos non sanitarios e pensan seguir incrementando o negocio cos sanitarios.
Non lles deixes que destrúan un dos dereitos máis fundamentais, como é o dereito a unha sanidade pública universal, de calidade e gratuíta.
Para este goberno e para a voracidade dos depredadores todo é valido. Para nós, non.