Trasbar, 12 de setembro de 2013.- O burgo de Trasbar, en Cervo, celebra esta fin de semana as festas patronais en honra á Santa Eufemia. Os actos comezan o sábado ás sete da mañá coa elaboración da alfombra floral en colaboración coa Asociación de veciños do burgo de Trasbar. A misa será ás 13.30 h e de seguido a procesión. A sesión vermú será amenizada pola orquestra Supremos. Xa pola noite, a orquestra Supremos e o grupo Canela serán os encargados de facernos bailar. Ao remate da verbena, haberá caldo gratis.
O domingo a misa será ás 13.30 h, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo da orquestra Saudade 73, que tamén será a encargada de amenizar a verbena pola noite. E, coma todos os anos, poderemos entreternos co partido de fútbol de solteiros contra casados que, a falta de xogadas profesionais, nos ofrecen momentos de risa.
A romaría da Santa Eufemia celébrase o 16 de setembro, por iso, haberá unha misa ás 12.00 h para todos os romeiros que queiran achegarse a poñer a Santa o día verdadeiro. Todos os devotos da Santa Eufemia, poderán poñer a Santa calquera dos tres días ao rematar a misa.
Agradecementos
A Comisión de festas da Romaría da Santa Eufemia de Trasbar, está composta por tres veciños que levan moitos anos traballando a reo para facer posibles as festas para tan poucos veciños. O seu presidente, Rafael Díaz leva xa preto de 20 anos formando parte desta comisión. Xunto a el están Eladio Rúa dende fai uns 13 anos e Ramón Fanego dende fai uns 11 anos. Son moitas horas as empregadas durante este tempo en organizar as festas da Romaría da Santa Eufemia, pero é un traballo que se ve compensado co bo resultado e co goce dos veciños. Sen dúbida, queremos agradecer a colaboración de todos os veciños de Trasbar, dos establecementos que colaboran dun xeito desinteresado, da Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar e do Concello de Cervo, xa que sen a súa axuda todo o noso esforzo sería en vano.
Segundo o presidente, Rafael Díaz Lozano, “estamos con todo preparado, xa só falta que o bo tempo nos acompañe!” e coma sempre “estades todos convidados a gozar das festas da Romaría da Santa Eufemia en Trasbar”.