Santiago de Compostela, 03 de outubro de 13. A parlamentaria socialista Marisol Soneira reclamoulle á Xunta que elabore un estudo sobre as consecuencias da aplicación da política dos descartes, como ten acordado a UE, e do Principio de Estabilidade Relativa para a flota pesqueira galega. Así o dixo na Comisión de Asuntos Europeos na que reclamou un recurso diante da xustiza comunitaria para que a pesca se integre na política común da UE como o resto de actividades económicas.
Soneira suxeriulle ao goberno galego que analice as consecuencias desta norma para as distintas flotas afectadas, como son a flota de arrastre de litoral, a flota artesanal de baixura ou a que opera nos caladoiros do Gran Sol. Dixo que os efectos son diferentes para cada unha delas, ademais de que “estamos debatendo sobre unha norma que afecta a 195 áreas de pesca, das que 105 non teñen informe sobre o estado biolóxico.
Advertiu que o modelo de TACs e cotas de pesca que está aplicando a UE provoca que os pesqueiros galegos produzan descartes, “obrigando a tirar pola borda toneladas de descartes” que poderían ser empregados “mesmo para proteína de primeira calidade”.
Dixo que os descartes da pesca que supera as cotas “leva á desesperación” aos pesqueiros galegos, que deben renunciar a toneladas de peixe que é arroxado ao fondo mariño pola aplicación estricta das normas comunitarias . Explicou que ao arroxalo de novo ao mar asfixia ás especies locais e fomenta a aparición de especies necrófagas ao tempo que “non soluciona os problemas do caladoiro”.
Recurso xudicial
A parlamentaria socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que cumpra co seu compromiso de recorrer aos tribunais de xustiza comunitarios diante desta medida. Puntualizou que “si somos unha zona de libre comercio e servizos onde non se poden poñer cancelas soberanistas a ningún territorio nin actividade, xa é hora de que tamén a pesca se integre na política común”.
Soneira considera inxusto que o sector pesqueiro manteña “condicionantes” que non afectan ao resto dos sectores, especialmente cando España, e nomeadamente Galicia, teñen a maior flota pesqueira do continente. Advertiu que a situación actual fai que países cunha flota moito menor contan con cotas moi superiores ás dos galegos e galegas.
A deputada socialista reclamoulle ao goberno galego que recorra aos tribunais comunitarios “aínda que só fora para testar a súa posición, porque a lo mellor temos unha sorpresa e contamos cunha baza negociadora para o futuro”.