O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres os retos da Deputación de Lugo para 2014, que pasan pola creación de emprego, “a nosa máxima prioridade”, o remate das obras de cinco residencias e centros de día públicos e o inicio doutras dúas, así como as do primeiro centro público en España de recría de gando vacún e as da nova sede da UNED en Lugo, ademais da elaboración dos primeiros presupostos participativos dunha Deputación en España e a máxima cooperación cos Concellos.
1º RETO.- Crear emprego con 13 millóns de euros. “Seremos máis perseverante aínda, cando os datos do paro publicados hoxe confirman, unha vez máis, a discriminación da Xunta con Lugo, a provincia de Galicia onde máis aumentou o paro en termos relativos no mes de decembro, un 0,64%, contando con 175 novos parados. Dende que Feijóo está na Xunta, Lugo conta con 7.744 desempregados máis. No 2009, había 19.871 e hoxe temos 27.615”.
Martínez adiantou que este mesmo mes a Deputación arrancará o II Pacto polo Emprego, dotado de 3,5 millóns de euros cofinanciados nun 80% pola Unión Europea, co que 1.000 lucenses desempregados de todos os Concellos recibirán formación sobre profesións de futuro e realizarán prácticas remuneradas para facilitar a súa inserción laboral. Tamén en xaneiro, porá en marcha o plan da Escola de Organización Industrial, por valor de 3 millóns de euros, que dará emprego a unhas 100 persoas, principalmente mozos, que se converterán en especialistas en innovación e darán asesoramento a 300 PEMES e autónomos da provincia. No 2014, o organismo provincial impulsará outro plan de emprego para todos os Concellos, por valor de 5 millóns de euros; ofrecerá outras 70 bolsas Leonardo da Vinci para mozos; e continuará co plan para Concellos de menos de 5.000 habitantes, que contratarán a 80 lucenses desempregados, así como coa formación de 900 lucenses sobre os sectores agropecuario e forestal para a creación e reconversión de empresas.
“Subimos nun 90% os investimentos en emprego fronte o recorte en 238 millóns de euros da Xunta dende a chegada de Feijóo, que supuxo que hoxe Galicia conte 271.063 desempregados e sexa unha das tres únicas Comunidades de España nas que aumentou o paro no mes de decembro”, remarcou Martínez.
2º RETO.- Potenciar o benestar social, combatendo a sangría demográfica. Este ano, a Deputación rematará as obras de 5 residencias e centros de día públicos na provincia. Son as da Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol. Así mesmo, iniciará as de Navia de Suarna e Ribas do Sil. A posta en marcha destas instalacións sociais suporá a creación de 140 empregos directos e de 300 prazas residenciais e en centros de día. É dicir, dinamizarán a economía local e fomentarán o benestar dos maiores, que non terán que abandonar os seus fogares ó contar con residencias e centros de día públicos nos seus municipios, facendo fronte ó despoboamento demográfico.
3º RETO.- Rematar as obras do primeiro centro público en España de recría de gando vacún.
De xeito inmediato, a Deputación porá en marcha as derradeiras obras deste proxecto, dando emprego en Lugo a 200 persoas. Este centro duplicará a capacidade de recría existente en Galicia con 3.000 novas prazas, aforrando cartos ós gandeiros, que non terán que levar fóra de Galicia as súas novillas. Os exemplares que se recríen no centro da Deputación acadarán un alto valor produtivo e xenético, que permitirá ós gandeiros incrementar a cuota láctea, e contar con exemplares cun prezo no mercado non inferior ós 2.000 euros. Se do centro de recría saen ó ano 1.500 reses, o volume de negocio será de 3 millóns de euros. O centro de recría da Deputación reactivará a economía da provincia. A actividade económica xerada coa recría quedará en Lugo, xa que a alimentación e os materiais compraranse na provincia, os veterinarios e o persoal que atendan os animais serán de aquí… Por exemplo, o alimento consumido durante un ano polas 3.000 reses terá un valor de 900.000 euros, cartos que quedarán en Lugo.
4º RETO.- Impulsar unha educación pública de calidade, coa nova seda da UNED en Lugo. A Deputación rematará estas instalacións tamén este ano, facendo que a cidade luguesa conte co centro referencial da UNED no noroeste de España, destacando entre as restantes en Galicia, Asturias e Castela León.
5º RETO.- Incrementar a participación cidadá coa elaboración de presupostos participativos. O organismo provincial vai a comezar cos encontros con colectivos da provincia para elaborar durante este ano os primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España co fin de avanzar no proceso de modernización, transparencia e racionalidade da institución, iniciado hai 6 anos.
6º RETO.- Máxima cooperación cos Concellos, ofrecendo, de xeito gratuíto, asistencia en todo tipo de materias (urbanística, económica, xurídica, recursos humanos…), continuando con programas para axudar ás entidades locais a aforrar gastos correntes como a luz; a gañar liquidez co Sistema de Recadación Provincial; a fomentar o goberno aberto coa administración electrónica; e a mellorar as prestacións públicas, levando a banda longa ou acondicionando servizos cun investimento de 7,5 millóns de euros en plans como o de infraestruturas de interese veciñal ou o de Obras e Servizos.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



