Lourenzá, 3 de xaneiro de 2014. A concelleira de Educación, Cultura e Turismo de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, deu a coñecer este venres o programa definitivo de actividades que se levarán a cabo este domingo, día 5 de xaneiro, con motivo da cabalgata de Reis. Os Magos de Oriente sairán de San Adriano ás 17 horas e farán paradas en Santo Tomé e San Xurxo antes de chegar a Vilanova, onde ACIAL repartirá chocolate e roscón e terá lugar a estrea do grupo de teatro infantil de Lourenzá.
Lupe Flórez explicou que “o percorrido que a cabalgata de Reis levará a cabo este vindeiro domingo 5 de xaneiro é o tradicional, que se recuperou o ano pasado, polo val de Lourenzá para rematar no casco urbano. Dará comezo ás cinco da tarde na igrexa parroquial de San Adriano, dende onde sairán os Reis Magos para acceder á súa carroza, que os levará ata a seguinte parroquia do concello. Xa igrexa de Santo Tomé, sobre as cinco e cuarto da tarde, asistirán xunto ao público que alí se congregue a un concerto de panxoliñas ofrecido polo coro parroquial de Vilanova. Cando este remate dirixiranse á ultima das parroquias do Val, concretamente á de San Xurxo, onde van facer un alto no camiño no centro cívico para saudar a todas aquelas persoas que se atopen presentes para recibilos. Finalmente chegaremos ao casco urbano de Vilanova arredor das seis e cuarto e iniciaremos o percorrido polas principais rúas de Lourenzá no lugar tradicional onde o vimos facendo dende hai anos, na Praza da Gracia, diante do albergue de peregrinos. Tras completar o percorrido polas principais rúas da vila chegaremos á Praza do Conde Santo, onde farán o tradicional saúdo dende o balcón da casa consistorial a todas as persoas que se congreguen na mencionada praza. E finalmente sentaranse nos seus tronos, que estarán dispostos na escalinata de acceso ás oficinas municipais para recibir a todos aqueles nenos que se queiran achegar a facerlles as últimas peticións e a recibir un agasallo”.
A concelleira de Cultura engadiu que “ao longo de toda a tarde haberá unha caseta situada fronte ao edificio do Concello onde a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) vai poñer á venda chocolate quente a un prezo de 1,50 euros cada ración e agasallarán a todos aqueles que merquen o chocolate cunha porción de roscón de Reis, que está doado por Panadería Neli. E finalmente, como broche de ouro a toda a actividade da cabalgata de Reis, terá lugar sobre as oito da tarde no salón de actos da Casa da Cultura a estrea da peza teatral denominada Telelourenzá a cargo do grupo de teatro infantil de Lourenzá, que supón tamén a estrea desta agrupación teatral diante do público laurentino”.
Flórez Seivane tamén comentou que “dende o Concello de Lourenzá, organizador da cabalgata de Reis, queremos dar as grazas a todas aquelas persoas que participan na mesma de maneira totalmente desinteresada así como aos membros da agrupación local de Protección Civil, que colaboran tamén todos os anos de maneira desinteresada no desenrolo sen incidentes da mesma. E, como non, recordar a unha serie de entidades que a través do agasallo e a doazón de caramelos para tirar ao longo da cabalgata fan posible a realización da mesma. Neste caso queremos nomear especificamente a ACIAL, Sogama, Begasa-Eon, Novagalicia Banco, Caixa Rural Galega e Banco Santander”.
E para rematar a edil aclarou que “todos estes eventos temos previsto realizalos sempre e cando as condicións meteorolóxicas, que estes días son tan variables, nolo permitan. No caso de ser adversas e para non poñer en risco aos participantes na cabalgata e ao público que se achegue a contemplala só manteríamos o concerto de panxoliñas na igrexa parroquia de Santo Tomé e a recepción nas escalinatas da Casa do Concello. Estes dous momentos da cabalgata son os que se realizan a cuberto e polo tanto serían os que non suporían perigo”.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



