O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou este venres o apoio manifesto da Deputación de Lugo ás reclamacións presentadas polas centrais sindicais co fin de que a Xustiza dite sentenza favorable, establecendo así un mecanismo legal para que todas as administracións públicas poidan restituír a paga extra de decembro de 2012, que foi eliminada polo Goberno de Rajoy mediante o Real Decreto Lei 20/2012, de 13 de xullo.
De feito, Martínez destacou “o noso absoluto respecto e total apoio ás xustas reclamacións das centrais sindicais que estiveron, coma nós, en completo desacordo con esa medida a todas luces inxusta, posta en marcha polo Goberno de Rajoy”. Esta reivindicación por parte dos sindicatos, en representación do lexítimo dereito dos traballadores de todas as administracións públicas, tanto do Estado como da administración local –Concellos e Deputacións-, obterá previsiblemente una sentenza favorable por parte dos tribunais, “tendo en conta a xurisprudencia marcada polas sentenzas que dan a razón a todas as reclamacións presentadas, tanto individuais como por parte de centrais sindicais, en distintos lugares e administracións”.
A favor dende 2012
Tal e como lembrou Martínez, a institución luguesa posicionouse, dende un principio, a favor do mantemento dos dereitos legalmente adquiridos polos traballadores, e lembrou que xa no Pleno de setembro de 2012, “co voto en contra do Partido Popular, e a instancias do Presidente da Deputación, que é o máximo responsable de persoal, formalizouse o compromiso de buscar alternativas e fórmulas para protexer no posible, sen incorrer en ilegalidades ou fraudes de lei, os dereitos adquiridos polos traballadores”.
Con esta intención, en outubro de 2012 o Presidente remitiu á Consellería de Presidencia unha resolución, acompañada dos correspondentes informes técnicos provinciais, pedíndolle que trasladara ó Consello Consultivo de Galicia a petición dun dictame facultativo no que analizara a intención da Deputación de compensar dalgún xeito a paga extra ós seus empregados. Sen embargo, destacou Martínez “á vista do silencio do Goberno de Núñez Feijóo e do seu delfín Rueda, que o único que fan é poñerse de perfil e dar a calada por resposta”, en xaneiro de 2014 “aínda non se dignaron en ter en consideración algunha a nosa petición”
Así pois, “a resolución xudicial que chegará no seu momento, permitiranos facer efectiva esta retribución e restituír os dereitos dos traballadores inxustamente arrebatados sen incurrir en ilegalidade de ningún tipo”, subliñou o voceiro provincial.
Carta á Consellería de Medio Rural
Por outra banda, Manuel Martínez, deu conta dun novo escrito que remitiu el mesmo “en calidade de Deputado de Xestión Territorial” á Xunta de Galicia e, en particular á Consellería de Medio Rural para que “cumpran a Lei”, talando aquelas árbores situadas e zonas de arboredo baixo a súa xestión que non cumpren os criterios establecidos na Lei de Estradas de Galicia que, no seu artigo 35, obriga á Administración Autonómica a manter limpas as marxes das estradas, en concreto, nunha franxa de 7 metros. “É a terceira ocasión na que requirimos por escrito á Xunta a que cumpra coa Lei porque isto supón un problema grave para a seguridade dos usuarios das estradas provinciais, que para nós é o fundamental”.
Martínez deu conta do balance de incidencias por este motivo durante o pasado ano. Das actuacións levadas a cabo polo operativo de Vías e Obras en estradas de titularidade provincial durante o pasado ano, preto de 230 delas foron por caídas de árbores en estradas de titularidade. É especialmente chamativo o caso da comarca da Mariña, nas que se produciron preto de 40 en tan só 7 dos Concellos que a forman (Xermade, Mondoñedo, Trabada, Ourol, O Vicedo, Xove e Riotorto).
O voceiro provincial socialista quixo subliñar que “non é un problema menor nen illado. De feito, é unha situación moi grave, xa que en numerosas ocasións a caída de árbores sobre as estradas, así como a súa situación, excesivamente preto dos marxes das vías, provoca accidentes que nalgún caso mesmo teñen rematado en mortes”, referíndose ó caso do mozo falecido na LU-1611, de Castroverde a Romeán, tras colisionar cunha árbore logo de saírse da vía”. Así mesmo, destacou que isto “tamén supón un importante gasto para os petos de todos os contribuíntes que se evitaría facilmente”. Tendo en conta que o custe medio de cada saída para retirar unha árbore caída na estrada é de 350 euros, estas incidencias supoñen un custe anual medio de máis de 80.000 euros, cartos que “todos os lucenses estamos a pagar de máis todos os anos só porque á Xunta non lle dá a gana de cumprir a Lei”.
Comunidades Veciñais 2013
A Xunta de Goberno celebrada este venres tamén aprobou as contas xustificativas de 5 obras realizadas noutros tantos Concellos (Friol, Foz, Pantón, Taboada e Xove), con cargo ó Plan de Comunidades Veciñais 2013, por un valor total de 30.000 euros. Con estas, xa se levan aprobado e abonado, cun orzamento de preto de 500.000 euros, máis do 23% das solicitudes presentadas neste Plan dotado con 2 millóns de euros. Polo momento, as obras financiadas ó 100% pola institución provincial consisten fundamentalmente no acondicionamento de camiños e outras accesos veciñais (máis de 61% do total), seguidos polas melloras en instalacións comunitarias, como o caso dos locais sociais (preto do 30%). As restantes repártense entre instalación de parques biosaudables ou infantís ou o arranxo de fontes ou redes de abastecemento de auga (un 6 e un 3,5%, respectivamente).


















Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.



