A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria traballa xa na reparación da cuberta do CEIP Pedro Caselles Rollán, en Xove (Lugo), destinando máis de 54.000 euros a estas obras. O Consello da Xunta deu analizou hoxe o informe de actuacións de emerxencia realizadas pola Consellería neste colexio, cuxa principal cuberta perdeu un 75% do panel que a protexía o pasado 5 de xaneiro debido ao temporal.
A Consellería actuou coa máxima celeridade perante o incidente, de feito que os técnicos comezaron o día 7 a traballar para avaliar os danos e barallar as distintas solucións posibles. Tras recoller os cascallos e colocar unha cuberta provisional, iniciáronse as obras de reposición da cuberta e de reparación dos danos ocasionados polo vento e a choiva no CEIP.
A rápida actuación do departamento educativo da Xunta permitiu que as clases se retomasen no menor tempo posible sen que a normalidade lectiva se vise afectada. De feito, as alumnas e os alumnos puideron volver ás clases o xoves 9, tan só un día despois do remate das vacacións de Nadal.