Os laranxas despedíronse hoxe da Copa de Rei ao caer en Vista Alegre ante o Ríos Renovables (2-3). Logo de marcharse ao descanso con 1-0, o Burela FS Pescados Rubén viu como se esvaía a súa vantaxe en tan só un minuto, o 28, no que os visitantes conseguiron perforar a meta mariñá por partida dobre.
A escadra de Juanlu enfrontouse ao partido con garra e ganas de gol desde o asubío inicial, tentando a rede dun Molina que se erixiu no gran salvador durante a primeira parte, e ofrecendo unha férrea defensa. Xa no primeiro minuto Mimi avisaba, a pase de Antoñito, cun disparo que se ía ás mans de porteiro navarro. Burrito e Christian dispoñían doutras dúas boas ocasións antes de completarse o minuto 5 de xogo. Iago Míguez tamén tivo nas súas zapatillas dous disparos de gol que se lle foron demasiado lonxe (minutos 8 e 12) e Christian, con Mimi, volvía chocar con Molina. O porteiro burelista, Álex, estivo correctísimo nunha das mellores oportunidades do rival, no minuto 17 de Charlie. O asedio galego recolleu o seu merecido froito no 19, cun disparo cruzado de Mata que introduciu precisamente Charlie de cabeza en propia porta. Con 1-0, nos últimos segundos antes do descanso, o 10 laranxa estivo a piques de sorprender a Molina de lonxe cun potente lanzamento.
Volveu ben á pista o Burela FS, cunha boa chegada de Burrito e Mata xa no minuto 22; Antoñito pouco despois errou un man a man co gardameta do Ribera. Imprimiu velocidade o Ríos para reaccionar, pero aí estaba Álex, para frear a Rubi (minuto 25); Christian tamén estivo moi oportuno no despexe, roldando o minuto 28. O perseguido empate dos navarros chegou en contraataque culminado por Joselito segundos máis tardes. Inmediatamente, unha falta de entendemento entre Álex e Christian na defensa desencadeou no 1-2, de Luisma. Aproximándose o ecuador da segunda parte, Molina volveu bloquear o ataque laranxa e reapareceu cos pés para frear un potente disparo afastado de Matamoros no minuto 30; antes Charlie a punto estivo de sorprender o meta burelista cun balón que chocou coa escuadra.
Non se frearon os laranxas, que seguiron á caza de Molina. Mata asistiu a Antoñito nun disparo que se marchou desviado, no minuto 34, e Isi, só ante a rede visitante, non puido controlar o pase de Iago Míguez, no 35. Andresito, polos navarros, intentou ampliar en distancias no 36 cun disparo cruzado que se foi polo fondo. Mata introuduciuse na elástica azul para abandeirar o xogo de cinco, faltando tres minutos. Burrito tivo nas súas zapatillas o empate, cun balón alto que Molina rozou cos dedos; volveu o malagueño á carga, pero topouse co corpo de Charlie. O pichichi burelista intentouno, pero foise demasiado alto. A porta baleira e a falta de 24 segundos, o Ríos colocou o 1-3. Sobre a bucina, Mata conseguiu perforar a portería visitante (2-3).
Outros resultados. Ríos Renovables medirase en semifinais a ElPozoMurcia, que se impuxo ao Azkar Lugo FS (1-5). Do duelo de mañá entre FC Barcelona e Manacor FS sairá o rival do Umacón Zaragoza, que venceu hoxe ao Montesinos Jumilla (5-3).
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Burrito, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Christian, Iago Míguez, Isi, Juanma.
Ríos Renovables FS: Molina, Lolo, Rubi, Andresito, Charlie, cinco inicial; tamén xogaron Palmas, Luisma, Juni, Joselito, Álex.
Goles: 1-0, minuto 19, Charlie (p.p.); 1-1, minuto 28, Joselito; 1-2, minuto 28, Luisma, 1-3, minuto 39, Rubi; 2-3, minuto 39, Matamoros
Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)
Tarxetas: Por Burela FS amarela a Mimi (minuto 15). Por Ríos amarela a Charlie (minuto 16), Joselito (minuto 17), Palmas (minuto 36)
Incidencias: Partido correspondente a cuartos de final da Copa do Rei (Vista Alegre), que contou coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro. Arredor de 700 espectadores nas bancadas























A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
