A Asociación Cultural O Pasatempo de Mondoñedo ten previstas tres actividades para a primeira fin de semana de abril (4, 5 e 6 abril) dirixidas a nenos e maiores e en recordo do seu desaparecido presidente Ramiro González Rivas.
Nestes días celebrarase a segunda xornada de curtametraxes O Pasatempo, a proxección de vídeos sobre a historia mindoniense e a Festa da Árbore.
II Xornada de curtametraxes O Pasatempo
O Pasatempo celebrará a II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo para novos creadores, o sábado 5 de abril no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das sete e media da tarde. Nesta xornada proxectaranse varias curtametraxes, de entre 5 e 22 minutos, sobre diferentes temáticas. Os proxectos audiovisuais están realizados por Gaitafilmes e Producciones de fin de semana; creadores mozos de Mondoñedo, Meira e outros lugares de Galicia. Este sábado poderase ver “Simón”, “O Paquete”, “A Porta” e “Dous días dicen”, obras de Gaitafilmes; o documental “XV Mercado medieval de Alfoz” de Producciones de fin de semana; e “Bos días” e “Sálvame!”. Cabe destacar a presenza de varios membros de Gaitafilmes, que farán unha breve charla destas súas curtas así como da primeira longametraxe que están a preparar, “Dhogs”.
Complementando esta “II Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” e tamén no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo, o venres 4 de abril ás oito da tarde proxectarase o vídeo “Calquer día en Mondoñedo…” parte 1, e o domingo 6 de abril ás 7:00 da tarde “Calquer día en Mondoñedo…” parte 2. Trátase dunha creación propia da Asociación Cultural O Pasatempo (autor: José Luis Fernández “Keno”) e no que se recompilan de forma moi amena diversos vídeos da historia mindoniense, principalmente da década dos 90 e os 2000, incluíndo algún da década dos ´50 recuperados do NODO.
Día da Árbore en Mondoñedo
Coma tódolos anos dende a Asociación Cultural O Pasatempo celebran a chegada da primavera cunha xornada de actividades para pequenos e maiores que terá lugar o vindeiro sábado día 5 de abril en Mondoñedo.
A partir das 11 da mañá na Praza Jaime Cabot (Alcántara) de Mondoñedo inícianse as actividades para nenos e nenas de tódalas idades con globoflexia e pintura facial. Dende as 11:30 celebraranse xincanas infantís e xogos populares para todas as idades coa colaboración do técnico de deportes do concello Raúl González-Redondo. Haberá varias tandas de participantes divididos por idades. Finalmente arredor das 13:30 plantarase a árbore na propia Praza Jaime Cabot acompañando o acto con música. Ademais, durante toda a mañá estarán expostos os debuxos participantes no “III Concurso de Debuxo da Árbore”, realizado no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Gardería Galiña Azul de Mondoñedo, de onde saíron os 2 debuxos gañadores para ser o cartel da festa.
A edición deste ano honra ó tristemente desaparecido presidente da Asociación Cultural O Pasatempo, Ramiro González Rivas, dedicándolle cunha placa a árbore plantada na festa.
Como curiosidade, recordar que foi en Mondoñedo onde se celebrou a primeira Festa da Árbore de Europa o 4 de febreiro do ano 1569 sendo rexedor Luis de Luaces, o cal ordenou plantar árbores frutais na hoxe Alameda dos Remedios baixo pena de multa a quen non o cumprise. Para celebralo, trala plantación, ofreceu a tódolos veciños unha comida campestre.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



