A Deputación de Lugo converterase na primeira institución provincial de Galicia que ofrece axudas directas ós agricultores e gandeiros para poñer en produción terras abandonadas co fin de que poidan aumentar a base territorial das explotacións e mellorar deste xeito a súa rendibilidade. Así o anunciaron este xoves o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, nunha rolda de prensa na que presentaron un novo programa de apoio ó sector primario e ó rural dotado con 1,7 millóns de euros, en substitución do denominado Plan de Comunidades Veciñais.
As axudas para recuperar terras baldías é unha das tres liñas de subvencións incluídas neste novo plan, do que poderán beneficiarse os veciños do rural de toda a provincia, sobre todo os que viven da agricultura e a gandería. As outras dúas están destinadas a financiar, por un lado, a instalación ou mellora de traídas de auga e, por outro, infraestruturas de uso comunitario que melloran a calidade de vida da xente do campo e facilitan o seu traballo.
“A superficie agraria abandonada en Galicia incrementouse na última década en máis do 66%, sobre todo na provincia de Lugo, e hoxe o 80% do territorio galego está sen poñer a producir. Queda claro entón que proxectos como o Banco de Terras, ou non están funcionando adecuadamente ou son insuficientes, e que fan falta máis medidas como a que hoxe lles anuncio para incentivar a posta en valor do territorio”, subliñou o Presidente.
Ademais de potenciar o sector primario e recuperar poboación, con esta iniciativa a Deputación “contribúe a previr incendios e a controlar a proliferación de fauna salvaxe favorecendo unha axeitada ordenación do territorio”, explicou Gómez Besteiro.
Cales son os requisitos para recibir as axudas?
A axuda por hectárea deste plan piloto será de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario un máximo de 9.000 euros. Os requisitos a cumprir son os seguintes:
– Poderanse beneficiar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón.
– Comprométense a ter en produción a parcela para a que reciban subvención por un período mínimo de dous anos. No caso de incumprir este requisito, perderán a axuda.
– Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non estarán subvencionadas.
– E, “algo moi importante”, destacou Besteiro, “terán que xustificar, achegando a declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria”. É dicir, engadiu, “daremos as axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto fixados polos gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo”.
Traídas de auga e infraestruturas comunitarias
En canto ás axudas destinadas a traídas de auga, o Presidente sinalou que se trata dun “servizo municipal básico que é moi custoso e que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo”. Por iso, engadiu, “abrimos unha liña específica de subvencións, que serán dun máximo de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e de ata 10.000 euros, no caso de proxectos de mellora das infraestruturas existentes”.
Con esta liña, a Deputación tamén apoia ó sector primario, pois o subministro de auga é unha cuestión básica para as explotacións. Por elo, nos criterios de valoración priorizarase o número de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria.
Con respecto a terceira pata do novo plan provincial de apoio ó rural, as axudas destínanse a infraestruturas que melloran a calidade de vida da xente do campo e facilitan o seu traballo. Trátase, como indicou o Presidente, “de arranxo de camiños, fontes, bebedoiros, depósitos contra incendios, sistemas de regadío comunitario, limpeza de rutas de sendeirismo ou recuperación de espazos naturais”. O máximo por beneficiario será de 12.000 euros.
Os prazos
O plan poñerase en marcha de xeito inmediato, segundo avanzou o deputado de Cooperación. Mañá mesmo aprobaranse na Xunta de Goberno as bases do programa e a principios da vindeira semana, entre o luns e o martes, sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, data na que se abrirá o prazo para presentar as solicitudes.
As persoas ou colectivos interesados poderán pedir as axudas durante dous meses, é dicir, ata primeiros de agosto, “co fin de facilitarlles os trámites que teñan que facer, sobre todo no referido á liña de axudas para recuperar terras abandonadas”, indicou Álvaro Santos. A previsión é que as subvencións estean concedidas en setembro.
O deputado de Cooperación destacou que os criterios de valoración para outorgar estas axudas, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, son totalmente obxectivos e que a mesa de valoración será estritamente técnica, garantindo “imparcialidade e transparencia”.























Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



