A Mariña, 25 de xuño de 2014.- A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña comparte e apoia as motivacións que levan a convocar a mobilización deste xoves ás 20:30 na Praza da Horta do Seminario de Lugo. A plataforma mariñá defende as mesmas reclamacións polas carencias dos servizos comprometidos polo goberno presidido polo Sr. Feijoo que tanto na comarca de Lugo como na Mariña sempre acaban en papel mollado, teñan ou non un apoio popular masivo.
A Plataforma cualifica de fraude e desprezo ás mais de 41.000 sinaturas de veciñas e veciños da provincia que reclamamos a posta en marcha nun tempo razoable dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e contou co apoio unánime do Parlamento Galego pero de momento segue sen ter efectividade práctica.
A Mariña continúa sen ver atendidas demandas nos servizos sanitarios que tamén foron prometidas e apoiadas polo presidente Feijoo e o conxunto da cámara galega, mesmo hai servizos que se viron gravemente degradados e outros como a prometida ampliación do hospital convértense en parches para saír do paso.
Por isto, animamos á poboación mariñá a asistir á convocatoria de mañá xoves en Lugo para facerlle ver ao SERGAS e ao conxunto do goberno galego que os prazos dos compromisos están rematados e vai sendo hora de realidades palpábeis.