Burela, 27 de xuño de 2014.- Parolando, ún dos programas de máis ampla traxectoria das ondas radiofónicas mariñás e que se emitiu entre os anos 2006 e 2013 en Radio Valadouro, aterrou este xoves ás 20:30 horas en Radio Burela para iniciar unha nova andaina na Emisora do Corazón da Mariña. Creado, dirixido e presentado por Pepe Peinó, Parolando é un espazo para a charla e o debate no que teñen cabida todas as ideoloxías e puntos de vista, sempre dentro dun clima de cordialidade e respeto mutuo. Cada entrega estará dedicada a un tema diferente.
O programa iniciou a súa andaina burelesa cun coloquio sobre a situación política actual, no que se debateron asuntos como a discusión sobre o modelo de Estado, a corrupción nos partidos políticos, o independentismo, etc. Asistiron Ana Ermida, voceira do BNG na Mariña Lucense e concelleira en Barreiros; Ismael Rego, antigo concelleiro de Cervo e Burela polo PSOE e parlamentario do Parlamento Galego por máis de vinte anos, e Alfonso Fuente, Alcalde de Barreiros, do PP. O coloquio estivo conducido por Peinó e contou na parte técnica con Matías Nicieza.
Parolando emitirase cada xoves a partir das 8 e media da tarde en Radio Burela, que se pode sintonizar no dial 107.7 da FM ou a través de internet, sendo tamén posible acceder ás gravacións de programas anteriores a través do servizo de radio á carta da emisora.