Case 130 mariñáns tomaron parte onte en Viveiro na segunda das xuntanzas veciñais que a Deputación de Lugo celebrará en tódolos partidos xudiciais da provincia co fin de recoller opinións e propostas cidadanas para elaborar os primeiros orzamentos participativos dun organismo provincial en España. A creación de emprego centrou as propostas dos asistentes á asemblea vivariense, que pediron o impulso de políticas de inserción laboral para mozos e parados de longa duración, así como plans de emprego que poñan en valor o medio ambiente, o turismo e as actividades económicas da comarca.
Entre os asistentes, houbo un agradecemento expreso á Deputación e ó Presidente polo esforzo que están a realizar impulsando esta iniciativa de participación cidadá e transparencia, “fronte ós que falan a través dun plasma”.
O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda e de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Pilar García Porto e Álvaro Santos, respectivamente, conduciron a asemblea, que arrancou cunha explicación sobre en que consisten os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos.
Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda), e fixo un balance sobre a relación da Deputación co partido xudicial de Viveiro, destacando que nos últimos tres anos destináronse uns 8 millóns de euros ós concellos desta zona da provincia: Viveiro, Xove, O Vicedo, Ourol, Foz, Cervo e Burela.
As propostas
Tras esta exposición inicial, os asistentes, entre os que houbo representantes dunha trintena de asociacións da comarca, tomaron a palabra para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que ven na zona. A creación de emprego e actividade económica aproveitando os recursos específicos da Mariña foron os eixos das intervencións, que incluiron neste senso propostas como a creación dunha pequena rede de museos vinculada á pesca, o medio ambiente, a etnografía e a cultura da zona. Neste eido, tamén propuxeron que a convocatoria das bolsas de emprego Leonardo da Vinci, que a Deputación conseguiu da Unión Europea, coincida cando os mozos terminan as clases para que non pasen meses sen ter ningunha actividade.
Interesáronse ademais polo impulso ós polígonos industriais da Mariña; pola mellora da sinalización viaria da estrada de Lugo a Viveiro, “para que algún non acabe en Viveiró”; e pola transferencia de estradas, momento no que o Presidente avanzou que a Deputación está aberta a un intercambio “xusto e racional” de tramos cos Concellos, sobre todo en núcleos urbanos.
Preguntaron así mesmo pola ampliación do Museo do Mar de San Cibrao, punto no que Besteiro explicou que a Deputación ten recurrido a aprobación definitiva do estudo de detalle que permite construír un edificio de cinco plantas na parcela anexa ó inmoble e está á espera de sentenza xudicial. O Presidente indicou por outra banda que a Deputación solicitará a Fomento que mellore a sinalización do HULA na autovía A-6 hacia A Mariña.
No eido social, Gómez Besteiro sinalou que a Xunta tratou de que a competencia en servizos sociais fose asumida en exclusiva polas Deputacións. Entre os asistentes, houbo quen pediu axudas económicas para as agrupacións corais e outros que consideraron excesivo o volume de financiación que recibe a Semana Santa, en tanto que non é unha celebración laica.
As áreas prioritarias
Concluída a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Fomento do emprego, cun 20%; Políticas Sociais, cun 14%, e Fomento do Deporte, cun 10%, foron as áreas que os veciños sinalaron como prioritarias na asemblea de Viveiro.
As seguintes xuntanzas
O calendario de xuntanzas participativas continúará en Chantada o 10 de xullo, ás 19:00 horas, na Casa Sindical; en Vilalba o día 15; en Sarria, o 17; en Monforte, o 22; en Becerreá, o 29; en Mondoñedo, o 30; e en Lugo, o 31.
Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outras dúas vías: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org, na que tamén pode encontrarse toda a información sobre o proceso; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.
Os seguintes pasos
Ata finais de xullo os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial a través destas tres canles. En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación realizará un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.






















Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitouna no seu domicilio para felicitala e entregarlle un ramo de flores en nome de toda a veciñanza. Nada en Sargadelos e veciña de Cervo, foi a máis nova de dez irmáns e desde moi nova traballou no campo e coidou dos animais, sempre cun gran espírito de esforzo. Nai, avoa e bisavoa, a súa familia destaca a súa alegría, enerxía e bo humor. Moi activa ao longo da súa vida, gozaba de viaxar, da praia, de conducir e de participar nas actividades municipais, ademais de cultivar a súa paixón por cantar. Coqueta, sorrinte e cun espírito novo, Benedicta é hoxe un exemplo de vitalidade para todo o municipio.
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.



