A dirección e o claustro de profesores do IES Vilar Ponte quere declarar publicamente que a situación académica neste centro aínda non está normalizada. Os recortes que fomos obrigados a asumir para traballar con 42 profesores, amosan claramente a necesidade dun docente máis, polo que os medios de que dispoñemos para realizar o noso traballo e atender as necesidades do alumnado, seguen a ser precarios. Aínda así, a pesar dos problemas causados pola cadea de decisións erróneas que protagonizou a administración educativa nestas últimas semanas, a profesionalidade, dedicación e esforzo continuo do profesorado do centro (tamén cuestionado de xeito inxusto pola propia administración educativa), fixeron posible un impacto mínimo no desenvolvemento das sesións co alumnado nas diferentes materias, e polo tanto as programacións estanse cumprindo segundo o establecido inicialmente. Obviamente só o alumnado de Lingua Castelá de varios cursos resultou afectado de xeito notable, xa que a ausencia do profesor de Lingua e Literatura Castelá estaba na orixe deste conflito: O incumprimento da administración ao non mandar o comprometido docente número 43 para o centro.
Na situación actual, unha vez feitos e entregados o novos horarios estase intentando mellorar, na medida do posible, o traballo diario normal en todas as materias que se imparten neste centro, pero, lembramos, debido á falta do profesor 43, temos moitas carencias en ámbitos moi importantes:
Temos un profesor de música impartindo galego en 4º ESO.
Temos carencia para cubrir as gardas do profesorado.
Temos carencias na Biblioteca, na que recentemente a Administración investiu moitos cartos na súa modernización e actualización multimedia, e que debe permanecer pechada, agás nos recreos, impedindo calquera actividade que nela puidera desenvolverse.
Temos carencias na atención aos alumnos que teñen validada a materia de música, porque non teñen profesor que poida encargarse deles, recaendo esta función nos profesores de garda, que neses momentos terían que dar conta de calquera incidente académico, ou non académico, que puidera ocorrer.
Temos carencias no Departamento de Orientación, por non poder establecer unha correcta coordinación para desenvolver o súas funcións.
Temos carencias no Departamento de Tecnoloxía, ao que lles foron anulados os desdobres nos Talleres, que tamén son esenciais para abordar como é debido as materias que imparten.
Tamén, a través deste comunicado, queremos invitar a Xefa Territorial de Educación en Lugo e antiga alumna e profesora deste centro, a visitar e palpar sobre o terreo o problemas do IES Vilar Ponte.
E unha vergonza todo isto que está ocorrendo nun Centro Educativo Público que pagamos cos nosos impostos, e, como diariamente lemos nos periódicos, escapa para outros lugares e bolsas que precisamente non destacan pola na súa educación, dignidade e altura moral.